Europeas-BNG. Bieito Lobeira reuníuse con mariscadoras en Vilarrube, e coa Confraría en Mugardos

O candidato número 2 do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Bieito Lobeira, xirou este martes unha visita á  comarca de Ferrolterra para manter sendos encontros co colectivo de mariscadoras en Vilarrube, Valdoviño e tamén coa confraría de pescadores de Mugardos. Nos dous actos estivo acompañado dunha representación dos respectivos grupos municipais.

En Vilarrube

Na visita a Vilarrube, o encontro celebrouse na praia onde traballan as mariscadoras onde se puxo de manifesto a necesidade de recuperación da ría que, segundo se constatou no encontro “neste momento ten unha clasificación bactereolóxica de zona C, o que debería provocar a actuación inmediata e decidida das autoridades competentes para corrixir esta situación restaurando os seus recursos pesqueiros e marisqueiros poñéndoos a altura do que podería esperarse dunha Reserva mariña, ou cando menos a altura do momento en que se decidiu a constitución desta figura de protección”

Bieito Lobeira fixo fincapé na proposta que o BNG presentou recentemente no Parlamento Galego, lembrando que “durante estes anos non só perderon o banco de berberecho da praia da Malena, senón tamén os bancos de coquina da praia de Vilarrube e de ameixa fina da ensenada de Pantín, quedando a produción marisqueira da ría de Cedeira reducida a un pequeno banco de berberecho na ensenada de Esteiro, que por causa de ser zona C debe someterse a reinstalación en batea antes de levarse ao mercado”

O candidato do BNG denunciou que “non é de recibo que iste sexa o nível de control e coidado que a Xunta pon sobre os nosos recursos marisqueiros, sobre a calidade de augas que antes eran zona A, ou sobre o emprego do sector, que antes ocupaba a máis de 54 persoas e hoxe apenas a 16 mariscadoras a pé”, incidindo no compromiso de que “o BNG asume como prioridade no noso traballo no Parlamento Europeo a defensa do saneamento da ría, a restauración dos bancos marisqueiros e , conseguintemente, a defensa do marisqueo como motor económico da zona afectada nos concellos de Cedeira e Valdoviño”

En Mugardos

Após do encontro en Vilarrube, Lobeira desprazouse ao concello de Mugardos; onde mantivo un encontro cunha representación da Confraría de Pescadores, para interesarse pola situación do sector marisqueiro e pesqueiro neste concello. Alí, o candidato do BNG lembrou “o intenso traballo feito desde o 2013 pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, para evidenciar o problema de contaminación e falta de saneamento da ría de Ferrol e urxir actuacións inmediatas da UE para resolver esa problemática, conxuntamente do goberno do Estado e a Xunta”

Bieito Lobeira asegurou que “logo do fiasco de máis de 26 anos agardando polo saneamento da ría, é intolerábel que aínda hoxe estea sen solucionar o problema do saneamento do Concello de Neda, que quedou fora dos sistemas tanto da marxe dereita como da marxe esquerda da ría . Velaí, pois, o noso compromiso para lograr a rexeneración e a recuperación dos bancos marisqueiros da ría, do mesmo xeito que está a acontecer actualmente na ría do Burgo grazas ao empeño do BNG tanto en Bruxelas como en Madrid»

O candidato do BNG tamén trasladou á Confraría o compromiso de “conseguir da Xunta a realización de actuacións de limpeza, retirada de residuos e embarcacións estragadas, e todas aquelas outras necesarias para restaurar e poñer en valor a ribeira da zona portuaria do Concello de Mugardos”; tal e como se contempla nunha iniciativa presentada no Parlamento Galego polos deputados da comarca Mon Fernández e Xosé M. Golpe.

Lea también

Ortigueira presenta un variado programa de actividades para la Navidad

El Concello de Ortigueira ha diseñado una completa agenda de actividades navideñas que promete llenar …