Últimas horas para apuntarse na IX Carreira popular de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño pechará ás 22:00 horas deste mércores 5 de xuño o prazo para apuntarse na novena edición da carreira popular que vai percorrer a contorna do centro urbano na xornada do próximo domingo, 9 de xuño.

A un día de que finalice o período de inscricións, na cita xa van anotadas 388 persoas (vinte máis que o total do ano pasado), na súa maior parte para a proba absoluta de 4,9 quilómetros.  Para participar cómpre rexistrarse a través da web emesports.es. O trámite é gratuíto nas carreiras inferiores, mentres que a inscrición na principal ten un custe de 5€. 

A xornada deportiva “Corre polo medio ambiente” do domingo introduce pequenos axustes con respecto a anteriores edicións, co obxectivo de axilizar o desenvolvemento das distintas probas e non demorar máis do debido a entrega de premios.

Un dos cambios producirase na primeira carreira, que comezará ás 11:00 horas, agrupando por primeira vez as categorías Sub-14 e Sub-16. Terán que correr 900 metros dándolle tres voltas ao circuíto interior deseñado no arboreto da Cortiña.

Media hora despois, ás 11:30, arrancarán todas as categorías englobadas no apartado absoluto, desde Máster 4 (persoas nacidas antes de 1964) ata Sub 18 (nacidas en 2007-2008), que este ano volverán describir unha grande volta que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.

Son 4,9 quilómetros que xa o ano pasado, na edición en que se estreou o trazado, demostraron ser auténticos crebapernas para as corredoras e corredores con menos experiencia á hora de dosificar forzas, debido principalmente a un penúltimo tramo -o que discorre pola AC-862-  non demasiado pronunciado pero si o suficientemente longo como para baixar o ritmo xeral e producir cambios importantes na clasificación relativamente preto do arco da meta.

As carreiras da rapazada adiantaranse dez minutos con respecto a 2023, de maneira que Sub 12 correrá 600 metros na contorna do paseo fluvial a partir das 12:20h, mentres que Sub 10 fará o propio sobre unha distancia de 300 metros a partir das 12:35h. A máis numerosa e espectacular, a de Peques, percorrerá un tramo en liña recta de 60 metros dándo varias saídas das 12:45h en diante para evitar caídas das nenas e nenos máis pequenos (nados do 2017 en diante).

Porén, para participar, antes hai que anotarse. As inscricións recóllense unicamente en liña a través da web emesports.es. A última oportunidade é ás 22:00 horas deste mércores 5 de xuño, despois de que o Concello decidise ampliar o prazo en dous días máis. A participación é gratuíta en todas as carreiras agás na absoluta, que ten un custe de 5€ por deportista.

Todas os corredores, sexan da categoría que sexan, terán cobertura de seguro, avituallamento, cronometraxe e un agasallo, ademais de optar aos trofeos que se entregarán de Sub 10 a Absoluta (en Peques hai medalla para todos).

A popular de San Sadurniño é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca, ademais de formar parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e do décimo circuíto de carreiras da Deputación da Coruña.  Para as cronometraxes e todos os aspectos deportivos, o  Concello contará coa asistencia técnica da FGA.

Tamén colaboran a clínica local Fisio-che ben, que terá un servizo de recuperación muscular trala carreira, e o club MTB Biela e Chaveta, que habitualmente vai abrindo e pechando en bicicleta todas as probas.

Enlace inscricións, regulamento e outra información.

Lea también

Álvaro Mardones llega cedido al Racing de Ferrol procedente del RC Deportivo de La Coruña

ADN racinguista para reforzar la zaga. Álvaro Mardones Esplúguez (Ferrol, 2005) jugará en el Racing …