A Ludoteca municipal de Narón abre este luns 3 e ata o 14 de xuño, o prazo de inscrición neste servizo ata completar a totalidade das prazas dispoñibles, que se dirixen a menores de 3 a 12 anos e preferentemente empadroados en Narón.
A edil de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro, recordou que o horario de verán das instalacións estará operativo do 25 de xuño ao 10 de setembro (o mes de agosto permanecen pechadas). En total ofértanse 40 prazas para os luns, mércores e venres de 10:00 a 13:00 horas, das que 20 son para menores de 5 a 6 anos e as 20 restantes para os de 7 a 12 anos.
No caso de elixir o turno dos martes e xoves, de 10:00 a 13:00 horas, tamén hai 40 prazas, a metade para menores de 3 e 4 anos e as restantes para os de 7 a 12.
Para realizar as inscricións ou solicitar máis información pódese acudir á Ludoteca (rúa Cardenal Cisneros, 2; A Solaina) ou chamar por teléfono ao número 981 389 284, debendo facelo no horario de atención ao público: de luns a venres de 19:00 a 20:00 horas e que a partir do 25 de xuño pasará a ser de 13:00 a 14:00 horas.