A Biblioteca Municipal de Narón enche outubro de contos, visitas e libros que buscan novo fogar

Contacontos, un escape room, visitas guiadas ou un faladoiro con autoras locais compoñen a programación co gallo do Día internacional das bibliotecas.

A Biblioteca Pública Municipal de Narón dedica outubro a celebrar o Día internacional das bibliotecas, que se conmemora o día 24 deste mes, cun programa de actividades para todas as idades.

Hai contacontos para bebés e para nenos e nenas, un escape room para a rapazada, visitas guiadas, un faladoiro con escritoras locais e un espectáculo de narración oral para público adulto.  A todo isto engádese unha mostra de libros retirados da colección que se poden levar para a casa.

“Outubro é un mes no que a biblioteca abre as portas de par en par. Queremos que veciñas e veciños de todas as idades teñan un motivo para achegarse, descubrir o que ofrece este espazo e sentilo como unha casa propia”, sinalou na presentación a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro. As actividades comezan este xoves coa mostra “Do depósito ao teu fogar”.

Como en anos anteriores, o verán serviu para facer expurgo na biblioteca. Revisáronse arredor de 1.000 volumes do depósito e apareceron exemplares duplicados ou triplicados e outros materiais que deixan de formar parte da colección, pero poden seguir interesando a outras persoas.

Hai novelas, poesía, moitos contos infantís e catálogos de exposicións de arte. Poden verse na planta baixa da sección de adultos, en horario de apertura, e quen queira pode levar de balde para a casa aqueles que lle interesen. Os libros estarán expostos ata finais de outubro ou ata esgotar existencias.

O primeiro plan da axenda será este sábado 3 de outubro, ás 11:00, coa actividade “Escape room: os segredos da biblioteca”, na Axencia de lectura da Gándara, na Casa da Mocidade. Dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, trátase dunha proposta da compañía Ludus Formación e Lecer na que o grupo terá que resolver misterios a base de observación, enxeño e traballo en equipo.

O sábado 10, tamén ás 11:00, chegan os “Contos miúdos”, con Paula Carrera. Esta sesión de contacontos para público infantil a partir de 3 anos e as súas familias, baséase en contos de dedos, narrados e cantados. A inscrición abre o martes día 6 ás 16:00.

Unha semana despois, o sábado 17, Ana Meilán presenta “Ao meu lado podes ser…”, pensada para bebés de 6 a 36 meses e as súas familias, con animais, personaxes e viaxes en coche, bicicleta, submarino ou tractor. Neste caso, hai que reservar praza a partir do martes día 13 ás 16:00 horas.

As tres actividades están cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade dentro do programa “Ler conta moito”.

O luns día 19, ás 18:00, a biblioteca celebra o Día das Escritoras con “Elas escriben”, un faladoiro coas autoras naronesas Ana Varela, Isabel Ramos e Raquel Villanueva. Conversarán durante aproximadamente unha hora sobre o tempo para escribir, os coidados e a conciliación, a visibilidade das autoras ou a construción de personaxes femininas, e haberá un espazo final para a participación do público.

O encontro nace do proxecto de prácticas dunha alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero. A entrada é libre ata completar o aforo. Co gallo do Día internacional das bibliotecas, a semana do 22 de outubro trae as visitas guiadas.

O xoves 22, de 18:00 a 19:00, haberá unha para o público en xeral, e o venres 23, de 11:00 a 12:00, outra dirixida a persoas adultas.  Ese mesmo venres, de 17:30 a 18:30, farase unha visita á Axencia de lectura da Gándara. Para participar en calquera delas hai que reservar a partir do venres 16 de outubro.

O venres 23, ás 19:30, a sala principal da Biblioteca acolle “A corva”, un espectáculo de narración oral para público xuvenil e adulto a cargo de Cristina Collazo. Está inspirado en Carmen Montoiro, compoñedora de ósos dunha pequena vila da Estrada, e recupera cantos e contos da tradición oral galega nunha proposta interactiva ben axeitada para os días previos ao Samaín. A entrada é libre ata completar o aforo.

O sábado 24, Día das Bibliotecas, ás 11:00, Trémola Teatro presenta “A nena que comía todos os libros”, para público infantil a partir de 3 anos e familias. A inscrición abre o martes día 20 ás 20:00 horas. O mes péchase o sábado 31, ás 11:00, con “O misterio dos calacús”, unha actividade sobre o Samaín para nenos e nenas a partir de 4 anos.

A proposta inclúe conto, unha busca dos calacús agochados entre os libros e un obradoiro para que cada participante faga o seu. As prazas poden reservarse a partir do martes 27 de outubro ás 16:00.

Toda a información sobre a programación está dispoñible nas redes sociais da Biblioteca Pública Municipal de Narón (Facebook e Instagram). As inscricións poden facerse presencialmente na biblioteca ou no teléfono 981 382 173, en horario de apertura.

Lea también

Narón abre o prazo para un curso de reposición e caixa en supermercados con prácticas en empresas

As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de outubro; o curso desenvolverase do 15 de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *