O SPEIS de Narón participa no simulacro nacional de emerxencias marítimas Polex 2026

O exercicio, desenvolvido en Vigo, consistiu nun lume simulado nun buque de transporte de vehículos que obrigou a combinar medios aéreos, marítimos e terrestres.

O SPEIS de Narón no Polex 2026 | Fot. Concello de Narón

O Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) do Concello de Narón participou en Vigo no Polex 2026, o exercicio nacional de emerxencias marítimas que organiza o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a través de Salvamento Marítimo. Durante tres xornadas, a cidade olívica foi o punto de encontro de expertos, administracións e corpos de intervención para afinar os protocolos de actuación ante sinistros complexos no mar e nos portos.

SPEIS Naron con tripulantes do buque participate no simulacro | Fot. Concello de Narón

Os bombeiros naroneses interviron nun dos supostos prácticos do simulacro: o incendio dun vehículo eléctrico no interior dun buque de transporte de vehículos. A emerxencia comezou coa detección do lume e a primeira intervención da tripulación.

Despois, un helicóptero de Helimer desembarcou no buque un equipo de bombeiros de Tarragona para facer unha primeira valoración da situación, e activouse un segundo equipo de bombeiros que chegou ata o lugar en lancha.

O SPEIS de Narón no Polex 2026 | Fot. Concello de Narón

No exercicio traballaron á vez Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil, Policía Portuaria, o 112 e os servizos de bombeiros de Narón, Tarragona e Ferrol.

O concelleiro de Seguridade Cidadá de Narón, José Oreona, destacou que «participar nun exercicio destas características permite ao noso persoal adestrar a coordinación con outros servizos para afrontar situacións que,
afortunadamente, non son habituais».

O SPEIS de Narón no Polex 2026 | Fot. Concello de Narón

Coa súa presenza no Polex 2026, o Concello de Narón sitúa o seu servizo de bombeiros nun escenario de traballo conxunto con equipos de toda España, un adestramento que se traduce en máis preparación para atender calquera emerxencia.

Lea también

A Biblioteca de Narón abre o martes 10 o prazo de inscrición na actividade infantil “Coñecendo a… Carlo Collodi»

A Biblioteca municipal de Narón abrirá mañá martes o prazo de inscrición na actividade infantil …