O lago de As Pontes albergará o domingo 26 a proba inaugural do VIII Campionato Galego de Natación en Augas Abertas Xunta de Galicia – Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa.
A concelleira de Deportes, Elena López, xunto co presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, presentaron no propio lago pontés unha cita que congregará a 207 participantes procedentes de toda a xeografía galega.
A edil de Deportes quixo agradecer á federación autonómica a súa confianza na vila pontesa como escenario para un acontecemento desta relevancia. Segundo apuntou, “esta cita supón a consolidación do lago coma o escenario ideal para probas de gran envergadura tanto a nivel autonómico como nacional”.
E é que, tal e como subliñou, este tipo de propostas axudan a facer das Pontes unha ubicación excepcional para competicións deportivas de todo tipo, un destino idóneo para calquer deporte e para un turismo de natureza, sostible e que cada vez gaña máis adeptos.
López aproveitou para convidar á veciñanza a desfrutar desta interesante proposta e na que tamén participarán nadadores e nadadoras locais. A esta invitación se sumou Juan Carlos Brión.
O presidente da Federación Galega de Natación fixo un chamamento á veciñanza para que o domingo se achegue ata o lago coa fin de descubrir unha proba espectacular e que contará cun circuíto de algo máis dun quilómetro e no que participarán nadadores e nadadoras en categoría Master, Senior, Junior, Infantil e Alevín, que percorrerán distancias que van dos 1250 aos 5.000 metros da proba absoluta.
Brión agradeceu a implicación do cabildo pontés e gabou as características do lago das Pontes como escenario deportivo, un espazo que, ao seu xuízo, “é ideal para este tipo de eventos e que se sae dos emprazamentos habituais para probas desta envergadura”.
Neste senso, o máximo dirixente da federación autonómica deu conta da boa relación entre concello e federación, que xa arrincaba o pasado ano con probas tan novidosas coma o Campionato Galego de Waterpolo ou o Campionato Galego de Salvamento que xa tiveron As Pontes como escenario.
Horario da Competición
Esta primeira proba do circuíto autonómico botará a andar ás 10.00 da mañá co circuíto Master, con 2.500 metros de distancia. Xa ás 11.30 arrincará a proba de Junior 1 e 2, Senior e Infantil con 5.000 metros e, finalmente, para as 13.00 horas está marcada a carreira Alevín de 1.250 metros. As entregas de trofeos de cada categoría celebraranse ao remate de cada unha das probas.