Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
Os participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina) ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7×42 cms (A3).
Os traballos deberán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o autor deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Tamén se admiten traballos de humor mudo.
Segundo informa a concellería de Cultura, unha vez realizado o debuxo, presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Deste xeito, ningún dato persoal do autor poderá figurar á vista.
En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía total dos mesmos con respecto a edicións anteriores, cun único premio por categoría. Así o gañador do 1º premio CURUXA recibirá 2.500 € e diploma, o gañador do 1º premio CURUXA NOVA recibirá 1.000 € e diploma, e o gañador da categoría CARICATURA recibirá 1.500 € e diploma. Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor Xaquín Marín a empregar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXVIII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2024” realizarase durante o último trimestre deste ano.
Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor Xaquín Marín comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2025.
Bases completas da convocatoria na web municipal do Concello de Fene www.fene.gal ou no B.O.P. núm. 28 do mércores 7 de febreiro de 2024.
Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@fene.gal