O alumnado de 3º da ESO do IES Punta Candieira ten decidido xa cal é a proposta de gasto dos Orzamentos Participativos deste ano, os cuartos que se implementan no Concello de Cedeira.
Os seas voceiros van presentala este venres 24 diante do pleno da corporación para que se sexa incorporada ao programa de gasto municipal deste ano. Desta volta, os mozos configuraron un programa de actividades moi completo e variado que se vai desenvolver baixo o título “Cedeira Fest”.
A biblioteca do IES Punta Candieira acolleu o pasado xoves 16, coa presencia do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e do concelleiro de Mocidade, Noel López, a asemblea de votación das propostas que acadaran previamente a categoría de “viables”.
Sometéronse á consideración do alumnado un total de 28 proxectos e saíron elixidos os 17 que integrarán o “Cedeira Fest. Programación para a Mocidade”. É a proposta final que se vai levar ao pleno do Concello e que, de saír adiante, requirirá 800€ máis dos 20.000€ inicialmente reservados para os Orzamentos Participativos.
O proxecto está composto das seguintes actividades: sesións DJ, colchóns de xogo na auga e na praia, festa da escuma, xogos populares, escape room, sesións de paintball, carpa de xogos de mesa, free style de diversas músicas, espectáculos casuais (charanga), escalada e orientación na Capelada; percorridos guiados pola vía ferrata, sesión de parkour, programa de danza contemporánea, taller de modelado e impresión en 3D, animación e creación de videoxogos, deseño de camisetas con vinilo e unha acampada nocturna no Centro de Ocio Xuvenil.
A idea é que todas elas se repartan no tempo e contribúan a desestacionalizar a oferta de ocio para a mocidade de Cedeira.
A asemblea do pasado xoves foi o momento clave de toma de decisións dentro desta iniciativa, que deu comezo este curso escolar en xaneiro cunha serie de obradoiros nas aulas. Neles, os adolescentes adquiriron competencias sobre o funcionamento da administración, analizaron o territorio e identificaron problemáticas e carencias na vila, realizando “mapeos colectivos” e enquisas á poboación e ao resto do alumnado do centro escolar.
En edicións anteriores dos Orzamentos Participativos de Cedeira, o alumnado concernido no proceso elixiu a creación dun parque de calistenia, un ciclo de autocine, melloras na pista de Floreal e a incorporación de maquinaria deportiva no ximnasio municipal.
Desde o goberno municipal destacan a escola de democracia que representa este proceso para a rapazada, que o toma con auténtico interese.