O Concello das Pontes, ao abeiro do Programa Integrado de Emprego, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia a posto en marcha coa colaboración dos Concellos da Capela e As Somozas, ven de comezar un novo ciclo de accións formativas que teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes no programa.
Nese sentido, a responsable da área de Emprego do Concello de As Pontes, Ana Pena, sinala que “estas accións son unha aposta decidida, do goberno municipal, polas accións de fomento do emprego a través da formación, tratando de que o alumnado adquira competencias profesionais en sectores económicos con un alto volume de demanda laboral para, deste xeito, contribuír a mellorar a súa posición de cara á súa incorporación no mercado de traballo”.
Así, no mes de maio botaban a andar o curso de acompañamento de transporte escolar (COML005PO).
Unha formación que forma parte do catálogo do SEPE, cunha duración de 30 horas e no que as quince persoas participantes adquiriron coñecementos para identificar os principais riscos e medidas preventivas para o correcto desenvolvemento da actividade do monitor-acompañante de transporte escolar, dentro das empresas de actividades extraescolares e ocio educativo.
Por outra banda, durante este mesmo mes, arrancará o curso de xestión loxística (COML0006) e tamén se porá en marcha o curso de manipulador de alimentos (FCOM01) dúas formacións de catálogo de especialidades do SEPE.
A formación de manipulador de alimentos, cunha duración de 10 horas e no que participarán 25 persoas permitirá a obtención do diploma que lles permite aplicar a normativa vixente para a correcta hixiene.
Pola súa banda, o curso de Xestión Loxística ten unha duración de 150h en aula que se complementarán con 50 horas de prácticas non laborais en empresas locais. Nesta formación, que se inicia o 22 de maio, participarán 15 persoas.
A última semana de maio comezará un curso de alfabetización informática e internet (FCO102) de 25h de duración. Unha formación transversal en novas tecnoloxías coa que o alumnado obterá e procesará información nun ordenador, utilizando as funcións básicas das aplicacións informáticas de oficina e dos servizos e protocolos propios duna rede Intranet/Internet:
World wide web, correo electrónico, videoconferencias, foros de discusión e charlas e que se suma ao curso de habilidades TIC na procura de emprego, celebrado no mes de abril, cunha duración de 20h, no que se tomaron parte 14 alumnos que aprenderon as competencias precisas para a busca de emprego a través da internet e a utilización das novas tecnoloxías para rexistrarse en portais de emprego, nas empresas de traballo temporal ou para ofrecer unha autocandidatura a unha empresa a través da súa páxina web.
Xa no mes de xuño, durante a primeira semana, botará a andar o curso de auxiliar de produtos frescos dirixido a de 15 participantes, con 50 horas de formación teórica e 50 horas de prácticas non laborais enempresas para o alumnado que supere a parte teórico-práctica en aula.
Esta formación ten por obxectivopreparar ás persoas participantes na aplicación e procedementos específicos para a realización das tarefas propias do posto de operario de produtos frescos nun establecemento comercial, coidando o bo estado das instalacións podendo traballar dentro da familia profesional do comercio.
Programa Integrado de Emprego de Galicia
O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral da veciñanza dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.
A través deste programa formativo ofreceráselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.
A formación está dirixida a 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.
O Programa Integrado de Emprego das Pontes inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesións en grupo organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.
Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre xestión loxística, manexo de carretillas e plataforma elevadora, curso de operacións de sons e iluminacións no sector audiovisual, un curso de control de accesos ou un curso de auxiliar de produtos frescos, entre outros.
Todas as accións do programa contan cunha bolsa de asistencia e coa posibilidade de utilizar o servizo de conciliación familiar para aqueles con cargas familiares que doutro xeito non poderían aproveitar as accións.
O orzamento do Programa Integrado é de 163.350€ euros, dos cales 130.680 euros son aportados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e 32.670 euros polas entidades locais.