A Gala das Letras Galegas contou con máis de 100 músicos no escenario do Auditorio de Ferrol

Na tarde deste domingo Auditorio de Ferrol converteuse no epicentro musical da celebración das Letras Galegas, adicadas este ano á escritora e poeta Luisa Villalta. Ás 19:30 daba comezo unha gran gala organizada polo Concello de Ferrol, e dirixida por David Sanmartín, acudindo numeroso público así cómo diferentes representantes do concello entre os que se atopaba o tenente alcalde da cidade Javier Díaz.

O evento musical musical conducido polos presentadores Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, contou coa participación dos renomeados solistas Gabriel Alonso e Clara Panas, dos coros Alecrin, o Tradicoro Airiños de Fene e o Real Coro Toxos e Froles, todos eles acompañados por unha gran Banda de Música Sinfónica, así como membros das bandas de gaitas do Toxos e Froles e Airiños de Fene.

*Un Comezo Emocionante*

A primeira peza da noite foi o pasodobre «Don Celso» de Israel Quintas, adicado ao recentemente falecido profesor do conservatorio de Vigo Celso Otero, cuxa viúva e filla estiveron presentes na audiencia.
Clara Panas, soprano, impresionou ao público coa súa interpretación de «Rosa de Abril» de Andrés Gaos. Para continuar, despois, Gabriel Alonso, o barítono ferrolán, que deleitaría aos asistentes coa canción «Os teus ollos», un clásico galego, de Curros Enríquez e José Castro Chané.

Na primeira parte do concerto, a Banda Sinfónica tamén ofreceu a obra «Codex Calixtinus» do catedrático e compositor Miguel Brotóns, amosando a calidade de tódolos componentes. Para continuar coa interpretación de “Negra sombra” de Juan Montes á voz de Clara Panas e “Cantiga” na voz do barítono Gabriel Alonso.

*Banda, solistas e coros na segunda parte*

A segunda parte da gala daba comezo coa composición «Ao Xeito de Foliada» do compositor León Durán, interpretada pola Banda Sinfónica. Clara Panas regresou ao escenario con «Lonxe da Terriña» de Aurelio Pereira e Juan Montes e Gabriel Alonso con «Un adiós a Mariquiña» de Chané.

A música daba continuidade coa actuación conxunta dos coros Alecrín de Brión, o Tradi Coro “Airiños de Fene” e o “Real Coro Toxos e Froles”. Interpretaron «Alalá de Muxía» e «Pandeirada de Nebra«, enchendo o auditorio coas súas harmonías.

*Clásicos Galegos e Estreas*

Un dos momentos máis agardados foi a interpretación de “Chascarraschas” coa participación, ademáis dos diferentes coros, dun grupo de gaiteiros de Airiños de Fene e do Toxos e Froles. Soaría despois unha nova versión, que se estreaba na gala, do clásico «Galopín» arranxo de Juan Durán. Finalmente, Gabriel Alonso pechaba a serie de interpretacións con «Lela», da obra teatral «Os vellos non deben de namorarse» de Castelao e música de Rosendo Mato, popularizada por Dulce Pontes e Carlos Núñez.

*Peche de Ouro*

A gala culminou cunha pequena entrega de agasallos ós compositores e solistas e agradecementos.

O evento finalizaba coa interpretación do Himno Galego, un broche de ouro para unha tarde noite inesquecible, que reunía a máis dun cento de músicos en escena, e coa que se rendía homenaxe á nosa cultura e ás nosas letras.

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …