El PPdG conmemora o Día das Letras Galegas e homenaxea a Luísa Villalta

O Partido Popular de Galicia reivindicou este sábado nun acto na Coruña, con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas o modelo de “normalidade e convivencia lingüística” da nosa Comunidade, defendendo o “sentidiño, a harmonía e a liberdade” fronte a aqueles que queren “impoñer o sectarismo e a imposición”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosou durante a súa intervención o orgullo de que o galego siga a ser a lingua máis falada en Galicia e subliñou que se trata dunha lingua que forma parte do ADN do seu partido: “O PPdeG construíuse en galego e, tamén en galego, seguirá medrando”.

De feito, asegurou que a política lingüística promovida desde o Goberno galego ao longo destes anos contribuíu a que “se lograse incrementar o número de falantes da nosa lingua e, ao mesmo tempo, converter a nosa terra nun exemplo de convivencia lingüística”.

A número dous dos populares galegos subliñou que os datos avalan que “somos unha Comunidade Autónoma con dúas linguas que os cidadáns coñecen e escollen falar con harmonía e liberdade” e por iso, engadiu, o PPdeG será sempre o único partido que garanta a defenda este “modelo de éxito que forma parte do noso patrimonio cultural e que queremos que siga vixente”. “A nosa normalidade e convivencia lingüística son tamén un exemplo ante Europa, e estamos seguros de que os galegos o valorarán nas eleccións do 9 de xuño”, apuntou en clave europea.

Pola súa banda, o responsable de Cultura, Lingua e Mocidade do Goberno galego, José López Campos, quixo destacar na súa intervención que “se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque falamos o mesmo idioma que os galegos”.

Neste sentido explicou que a clave do éxito desta simbiose radica na “transversalidade” dunha lingua que permite que todas as persoas, con independencia do seu xénero, idade ou procedencia poida entenderse. E este, engadiu, é o camiño que se debe seguir.

“Debemos seguir construíndo unha Galicia onde caibamos todos, sen exclusións, e facelo desde a moderación e o respecto”, subliñou facendo un chamamento a seguir o exemplo de vitalidade e compromiso coa lingua que nos deixou Luísa Villalta.

O acto estivo conducido polo coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, e contou coa participación dunha parella de violinistas encargados de interpretar en directo dúas das pezas favoritas da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Logo da intervención do presidente local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, deuse lectura a catro poemas de Luísa Villalta por parte dos candidatos do PP ás eleccións europeas Francisco Millán Mon e Pablo Gómez Cedrón, e os deputados autonómicos do PPdeG Carmen Pomar e José Luis Ferro.

A xornada concluíu coa entrega dun ramo de flores por parte de Paula Prado e José López Campos á nai, a irmá e o sobriño da homenaxeada, que serviu para poñer o broche ao acto e trasladar o orgullo e o agradecemento do PPdeG pola contribución de Luísa Villalta ao engrandecemento da lingua galega.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …