O Pazo da Cultura de Narón acolle a entrega de premios do “XXXIII Certame Intercentros”

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, asistiron este mércores 15 xunto con outros edís da corporación local no Pazo da Cultura ao acto final da trixésimo terceira edición do “Certame Intercentros-Concello de Narón”, organizado este ano polo CRA de Narón.

Á convocatoria asistiron tamén o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana; o inspector de Educación do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Ferrol, Santiago Sobrino, e persoal directivo, profesorado, ANPAS e alumnado dos centros de ensino que participaron na convocatoria: os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, O Feal, e os IES As Telleiras e Terra de Trasancos.

Uns 350 escolares asistiron ao acto en representación dos preto de 700 que participaron na convocatoria desta edición, presentada por José Antonio Blanco e Miguel Vérez, alumnos da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón e que forma parte da programación municipal con motivo do Día das Letras Galegas.

A rexedora local entregou os premios globais de participación aos representantes e directores dos CEIP Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón e CPI do Feal.

Os traballos das modalidades de murais, conto, conto ilustrado e cómic permaneceron expostos ata hoxe no Pazo da Cultura. Tamén se entregaron, por parte da rexedora local, a edil de Ensino, representantes da Consellería de Educación, dos centros educativos e outros edís da corporación local TEGA, PP, BNG e PSOE, os premios correspondentes ás modalidades de expresión oral e canción en galego, canción, teatro, expresión oral, audiovisuais, cómic, narrativa e poesía.

A maiores, entregouse o premio ao cartel anunciador do certame, realizado por alumnado de cuarto curso de Primaria do CRA de Narón.

Os integrantes do Pequecoro Solidarium, menores de entre 6 e 11 anos dirixidos por Cristina Teijeiro, o alumnado gañador da categoría de canción, de terceiro e cuarto de Primaria do CRA de Narón e de sexto de Primaria do CEIP Ponte de Xuvia, amenizaron a convocatoria coas súas actuacións durante o desenvolvemento do acto.

A alcaldesa da cidade felicitou ao centro organizador desta edición do certame Intercentros, o CRA de Narón, e tamén ao alumnado e profesorado que participou no mesmo. “A nosa lingua é un tesouro que debemos protexer, é algo propio, unicamente noso, que pasou de xeración en xeración ao longo dos séculos e chegou ata nós, polo que é responsabilidade nosa coidala con agarimo para retransmitirlla tamén ás xeracións futuras”, destacou.

Ferreiro valorou a calidade e orixinalidade dos traballos presentados e felicitou a todos os participantes e ao profesorado, así como ao resto de persoas que fixeron posible esta gala de clausura do Intercentros.

Antes de rematar o acto anunciouse, como é tradicional neste evento, o centro que organizará o vindeiro ano a trixésimo cuarta edición. A coordinadora do departamento de Normalización Lingüística do CRA de Narón, Berta López, entregou o testemuño á súa homónima do CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, Laura Cabarcos.

Lea también

Odeón acoge el XXXIII Torneo Universitario Lóstrego de ajedrez

La Plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón será el escenario elegido un año más …