Narón acollerá o vindeiro 9 de xuño a “Candaina 2024” organizada pola Asociación Cometa en colaboración co Club Deportivo 21 Leguas e o Concello. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou a convocatoria xunto con Iria Saavedra, tesoureira da asociación Cometa, e Pablo Calaza, do Club deportivo 21 Leguas, anunciando que permanece aberto dende este lúns o prazo de inscrición, a través da web: www.321go.es.
A Candaina é unha andaina e carreira solidaria a favor da asociación Cometa, na que poden participar persoas de todas as idades, debendo ir acompañados os menores de idade dunha persoa adulta. Para poder participar haberá que estar ás 10:30 horas na zona de saída, no parque do paseo de Xuvia, para iniciar o percorrido ás 11:00 horas e unha vez que saian todos os corredores será o turno das persoas que acodan á andaina.
O circuíto será circular, partindo do paseo de Xuvia cara ao paseo da Ribeira, o Camiño do Muíño, a senda peonil de Xuvia a Freixeiro, os lugares de Cornido e Outeiro e o Muíño das Aceas. En total, realizarán un tramo duns sete quilómetros. No evento, tal e como consta nas bases, non haberá diferencias de categorías de idade, non se usarán chips nin haberá cronómetros, outorgándose premios aos tres primeiros postos masculinos e femininos. Os cans, entre outras obrigas, deberán ir en todo momento na carreira ou andaina suxeitos cunha correa.
Ás 13:00 horas, unha vez rematada a Candaina, haberá unha sesión vermú a cargo de Señor X e tamén se repartirán agasallos. O prezo por participante, para o dorsal e o paquete de benvida, é de oito euros e contémplase tamén a opción de participar a través do dorsal solidario, realizando unha aportación ao número de conta: ES46 2080 5204 1530 4000 6980 (Abanca), a nome da Asociación Cometa.
O prazo para as inscricións rematará o día 4 de xuño ás 23:59 horas, no caso de non esgotar antes as 500 prazas dispoñibles. Os requisitos de participación consultanse no enlace: https://www.321go.es/Carrera/Detail/325-candaina2024.
O edil de Deportes destacou a celebración “deste evento cun marcado carácter solidario, que ten entre os seus obxectivos recadar fondos para unha asociación, neste caso Cometa, que realiza dende hai moitos anos un importante labor como asociación protectora de animais, ofrecendo un fogar temporal a cans e gatos nesta comarca”.