O Padroado da Cultura de Narón organizou un ano máis no Auditorio municipal, na Praza de Galicia, un completo programa para pechar o curso da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón.
Dende o vindeiro luns 13, e ata o 30 deste mes sucederanse un total de seis propostas, todas elas de balde e abertas á participación da cidadanía en xeral, tal e como avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.
A finalidade da convocatoria é “dar a coñecer o traballo realizado polo alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, sobre medio centenar de persoas, durante o curso escolar iniciado o pasado ano e que remata este mes”, apuntou Ferreiro.
Na xornada do luns 13 haberá unha clase aberta de adestramento actoral, que dará comezo ás 20:30 horas, e á que poderán asistir persoas que desexen coñecer mellor esta disciplina.
A mediados de mes, concretamente o día 15, continuará a programación ás 20:00 horas con representacións teatrais, que nesa xornada será a da peza “Unha viaxe a Sursum Corda”, unha versión de Sursum Corda, do naronés José Prieto, sobre o segredo da felicidade a cargo de alumnado de primeiro curso da Escola.
Tamén se representará “Coñecemos vodas de sangue”, unha selección de escenas de Vodas de sangue, sobre o amor e a perda, interpretado por alumnado de segundo e terceiro curso. O 27 deste mes poderase ver ás 20:30 horas a obra “Pan e chocolate”, unha montaxe dirixida a público familiar e infantil, dende 7 anos, creado a partir dun relato de María Victoria Moreno, achegándonos ao mundo do racismo dentro da escola, e protagonizada por alumnado do curso Practicum.
O día 28 ás 20:30 representarase a peza “Unha luz no Castelo de Frankenstein”, unha adaptación en teatro musical do clásico Rocky Horror Show, de Richard O´Brien, sobre unha parella de inocentes namorados aos que levan a un Castelo no que atoparán un peculiar anfitrión.
O elenco estará formado por alumnos do curso Practicum. As dúas últimas convocatorias serán o 29, ás 20:30 horas, coa representación de “Flor de pel”, monólogos de creación propia e individual aos que se lles incluíu música, con alumnado de música e canto de segundo e terceiro curso da Escola de Formación de Actrices e Actores de Náron e “E ficaremos sós mar e silencio”, o día 30 ás 20:30 horas, unha mostra de recitación do Practicum que parte dunha creación colectiva da obra poética e a vida de Luísa Villalta.