Sábado 11 de maio de 2024
Actividade: Maios Hora: De 11:00 a 20:00 Lugar: Centro Cívico Social de Piñeiros e Praza de Galicia
A partir das 11:00 horas realizarase o deseño na praza de Galicia da alfombra floral, cunhas dimensións de dez metros de ancho por dez de longo e en cuxa decoración con flor poderán participar persoas de todas as idades que se acheguen ata a zona.
Pola tarde concentraranse os Maios no Centro Cívico Social de Piñeiros ás 16:30 para saír en comitiva pola estrada de Castela ás 17:00 e chegar á Praza de Galicia ás 18:00 horas, onde se desenvolverá un programa con exposicións de maios e música, así como unha mostra de arte floral.
Actividade: Obradoiro “Poñer límites” Hora: 11:00 Lugar: Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros
No marco do programa Encontros con mulleres o Concello organizou esta charla dinámica para a prevención do deterioro da saúde mental, aberta á participación da cidadanía xeral. A charla terá unha duración aproximada de dúas horas.
Domingo 12 de maio de 2024
Actividade: Andaina á romaría da Virxe da “O” Hora: 9:45 horas aprox. (Saída das inmediacións do magnolio de Xuvia) Lugar: Xuvia a Pedroso
Preto de medio centenar de persoas están inscritas na andaina organizada dende Xuvia ata Pedroso con motivo da Romaría da Virxe da “O”. Os camiñantes sairán das inmediacións do magnolio centenario de Xuvia cara á igrexa da Virxe da “O”, en Pedroso, onde haberá celebracións relixiosas e un xantar popular.
Actividade: Liga Atlántica Billarda 23-24 Hora: 11:00 Lugar: Paseo marítimo de Xuvia
O Concello colabora co club APB A Laracha na organización deste evento, que reunirá a persoas procedentes de varios clubs para competir neste evento, que se organiza por terceiro ano en Narón.