Coa publicación das bases no BOP núm 90 do xoves 9 de maio, o Concello de Fene pon en marcha unha nova convocatoria do campus lingüístico Verán Máis Alá, dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2012 e 2020 (idades de referencia de 3 a 12 anos).
Nesta nova edición, o campamento de verán que organiza a concellería de Cultura desenvolverase nas instalacións do Ceip de Centieiras, do 1 ao 31 de xullo en horario de 08.00 a 14.30 horas.
A matrícula provisional realizarase a partir do 3 de xuño e, á hora de inscribirse, terán prioridade os participantes empadroados no Concello de Fene (con anterioridade ao 2 de maio de 2024).
Os nenos que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2023/2024 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.
Verán Máis Alá é un campus lingüístico para facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que promove a conciliación da vida laboral e familiar.
Neste programa os nenos participantes realizarán actividades artísticas que potencien a súa creatividade así como actividades formativas dende unha perspectiva lúdico-educativa, xogos cooperativos e populares, actividades pre-deportivas e deportivas, actividades acuáticas na piscina municipal, excursións, etc.
O campus organizarase en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 e a segunda do 16 ao 31 de xullo, podendo inscribirse nas dúas ou só nunha. E haberá dúas modalidades: Bos días!, de 08.00 a 10.00 h., coa posibilidade de que nenos e as nenas poidan incorporarse a calquera hora ao longo desta franxa horaria; e Máis alá!, de 10:00 a 14:30 h., con entrada ás 10.00 horas e saída a partir das 14:00 horas.
A matrícula provisional poderá realizarse por medios telemáticos, na sede electrónica municipal
https://sede.fene.gal/, desde as 08.00 horas do día 3 de xuño ata ás 23.00 horas do 4 de xuño de 2024. Ou de maneira presencial, no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44, entresollado) do 5 ao 7 de xuño.
Para acollerse a esta modalidade haberá que solicitar cita previa os días 29, 30 e 31 de maio de 2024, en horario de 9.00 a 13.00 horas, no teléfono 981 340 366.
As prazas adxudícaranse mediante baremo atendendo ás circunstancias familiares e laborais das persoas solicitantes. E o custe da actividade ascenderá, para todo o mes, a 68,15€/participante (36,70 € para o segundo membro da unidade familiar) e, por quincena, a 34,08 €/participante (18,35 € para o 2º membro da unidade familiar).
En casos de situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade. As persoas interesadas en acollerse a este suposto, deberán solicitalo mediante escrito polo rexistro xeral do Concello de Fene, pero deberán formalizar igualmente a matrícula e o pagamento da cota nos prazos fixados.
Antes das 15.00 horas do día 11 de xuño, publicarase na web municipal a relación de participantes admitidos para participar no Verán Máis Alá. Unha vez confirmadas as prazas, aboarase a cota de inscrición entre o 14 e o 20 de xuño.