O CPI de San Sadurniño celebra medio século de vida

Foi en decembro de 1973 cando se inauguraron unhas instalacións que recollerían e acollerían o alumnado de todo San Sadurniño para cursar aquela incipiente EXB pola que se rexeu o sistema educativo estatal durante dúas décadas. Para conmemorar os 50 anos daquel primeiro curso, e do centro, a ANPA organizou un xantar popular que terá lugar no patio cuberto das instalacións o próximo 8 de xuño.

Os tíckets para este aniversario (que tamén será escusa para o reencontro do alumnado de distintas épocas) poden mercarse até o 31 de maio na Libraría Brétema.

A Asociación de Pais publicou hai uns días o cartel anunciador da cita, na que se servirá un menú a base de entrantes, ibéricos, croquetas caseiras, lagostinos e empanada, tenreira asada con gornición e sobremesa, ademais de bebida, pan e café.

O prezo do prato son 30€, aínda que tamén haberá unha opción infantil a 15 euros para menores de 13 anos. Ademais do xantar, que arrancará ás 14:00h do sábado 8 de xuño, durante a tarde e o serán tamén haberá unha actuación musical.

O evento está aberto a calquera persoa que queira anotarse collendo tícket na Libraría Brétema antes da fin deste mes de maio, aínda que seguramente serán os antigos alumnos e o profesorado de antes e agora quen máis desfruten dun reencontro que, segundo a ANPA, está organizado «para recordar vellos tempos e celebrar o 50 aniversario do noso cole».

Desde o 10 de decembro de 1973

Para coñecer a historia completa do que hoxe é CPI recomendamos acudir á web Fálame de San Sadurniño, onde se pode ler un pequeno artigo cheo de referencias ás orixes e a evolución do centro de ensino inaugurado o 10 de decembro de 1973.

«O flamante colexio de EXB» abriu as súas portas sendo alcalde Santiago Secada, aínda que a súa construción fora «unha teima persoal do anterior alcalde Ángel Gavín (1964-1971)», quen, segundo se relata en Fálame, «propúxose mercar 10.000 metros cadrados de terreo ao carón do concello para edificar un grupo escolar pioneiro que agrupase as deficientes escolas unitarias que salpicaban o disperso territorio de San Sadurniño. Unha escola con comedores, transporte escolar e espazo para actividades deportivas que puidera ser ampliado e mellorado ao longo do tempo».

A solicitude do novo centro presentouse o 5 de febreiro de 1966 e investíronse os tres anos seguintes na obtención dos terreos, completada en 1969.  A construción arrancou en 1971, tal e como se desprende da información publicada en Fálame de San Sadurnuiño, e «tras dous anos en obras, inaugurábase o Colexio público de San Sadurniño. O primeiro director foi Jesús Ramos Fernández que tamén era concelleiro na corporación municipal de Santiago Secada».

23 de abril de 1992 inaugurouse o pavillón polideportivo cuberto que permitirá a práctica de calquera deporte e será cancha do equipo de voleibol local, promovido polo mestre Manolo Seco primeiro como actividade escolar e, desde ese mesmo ano, como club.  O outro fito histórico  importante foi a conversión do centro en CPI, despois dun longo e conflitivo proceso durante os anos 1996-1998.

Lea también

Mugardos junto con la asociación ‘Patio Verde’ buscan soluciones urbanísticas para el CEIP Unión Mugardesa

El alcalde de Mugardos mantuvo una reunión de trabajo con representantes de la Asociación Patio …