Arrinca un programa de exercicio físico para maiores de 70 anos no Centro de Saúde de Narón

Fotos ASF-Sergas

Profesionais de Enfermaría do centro de saúde de Narón organizan un ciclo de actividades de exercicio físico para os maiores de 70 anos adscritos ó seu centro de saúde. Pódese anotar calquera persoa do centro de saúde de Narón, que responda a una serie de criterios, e tras falar coa súa profesional de Enfermaría de referencia na consulta. O obxectivo é reverter e atrasar o deterioro funcional promovendo un envellecemento activo e sen dependencia. Activábase xa esta iniciativa na mañá de onte cun grupo de 15 persoas xa seleccionadas polos profesionais de Enfermería, e coordinadas por Patricia Torres Álvarez, Montse Torrado Ares e César Castro Pita.

As e os sanitarios do centro de saúde parten de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) define a fraxilidade como: “O deterioro progresivo relacionado coa idade dos sistemas fisiolóxicos que provoca unha diminución das reservas da capacidade intrínseca, o que confire unha maior vulnerabilidade ós factores de estrés e aumenta o risco dunha serie de resultados sanitarios adversos”. Esta definición céntrase na funcionalidade, e non no diagnóstico de enfermidade, debido a que se recoñeceu como mellor preditor de eventos adversos como caídas, hospitalización, discapacidade e morte, explican. Ademais, afecta ó manexo de enfermidades crónicas e permite identificar grupos de alto risco de necesitar apoio social ou dependencia.

A detección precoz e intervención sobre fraxilidade poden reverter e atrasar ese deterioro funcional. Por isto, establecen unha serie de obxectivos como contribuír a aumentar o nivel de actividade física da poboación maior de 70 anos; favorecer a formación dunha rede comunitaria; diminuír a soidade non desexada; concienciar sobre a importancia do exercicio físico para manter autonomía e unha boa calidade de vida; ou diminuír o risco de caídas en poboación de risco, entre outros.

Tres meses de actividades variadas

Trátase dun taller cunha duración de 3 meses. De forma alterna, realizaranse semanalmente andainas saudables con paseos dunha hora adaptados e próximos ó centro de saúde, liderados por catro enfermeiras que se atoparán ó principio e ó final do grupo como persoal de apoio e marcando a ruta. Tamén haberá talleres de exercicio multicompoñente empregando a ferramenta Vivifrail e a súa roda de exercicios en base ó perfil dos participantes, na aula de usos múltiples e educación sanitaria do centro sanitario naronés. A duración estimada das sesións será de 60 minutos e contará dunha duración aproximada de 12 sesións.

Establecéronse con antelación tanto as datas como os horarios; realizouse unha enquisa ós pacientes seleccionados para entrar a formar parte do grupo sobre o horario de preferencia (mañá ou tarde); e contactouse posteriormente con eles para realizar confirmación. Antes de iniciar as actividades como tal, realizouse unha sesión de presentación da actividade en abril, para dar a coñecer a iniciativa e o funcionamento do grupo. Nela coñecéronse as opinións dos participantes, creando un espazo onde poidan comunicarse e tecer rede, de feito hai un buzón de suxestións para a propia actividade; e propoñeranse diferentes actividades para fomentar o desenvolvemento de habilidades psicomotrices, favorecer o equilibro, a flexibilidade e a autonomía.

Foto ASF-Sergas

Como apuntarse a esta iniciativa

A captación dos asistentes estase a realizar na consulta de enfermería de Atención Primaria, a aqueles pacientes que cumpran unha serie de criterios como, ademais de ser maior de 70 anos, que non teña patoloxía aguda no momento, e que responda a unha serie de escalas previas coas que se establece que esa actividade vai ser favorecedora para esa persoa. Con información a través da Enfermaría e de carteis no centro, deuse conta desta actividade e do xeito de participar nestes talleres.

Na citada sesión de abril, explicóuselles o contido e metodoloxía dos mesmos, e xa deu comezo onte o primeiro dos grupos. Tódolos pacientes que se queiran sumar a esta iniciativa serán anotados nunha listaxe, e iranse realizando grupos de entre 12 e 15 participantes, e, progresivamente, serán avisados para se incorporar no grupo por vía telefónica. Isto é, reproducirase a dinámica que se fixo con este primeiro grupo, xa completo, e cos seus tres meses de programa de exercicio por diante.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …