O Campus de Ferrol recupera os premios RED NOSÉ AWARD

A Aula de Audiovisuais acolle este mércores 8 de maio, ás 12:00 horas, o acto de entrega dos trofeos os 15 premiados.

Coincidindo co seu 25 aniversario, a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) do Campus Industrial de Ferrol recupera os RED NOSÉ AWARD, uns premios que reivindican a propiedade intelectual con moito sentido do humor repartindo entre o estudantado galardoado un trofeo que inclúe un nariz de pallaso de cor vermella ademais do correspondente diploma acreditativo e algunha que outra sorpresa máis.

Tal e como explican desde a dirección do centro, o obxectivo final desta iniciativa non é outro que o de concienciar ao seu alumnado das consecuencias de participar en certames, aos que deben dedicarlles moito do seu tempo, fronte aos programas regrados por convenios entre a Universidade da Coruña e o tecido empresarial galego e español.

O nome do evento, RED NOSÉ AWARD, vén da resposta tipo que boa parte do alumnado de escola dá cando acode ás titorías ou ten que buscar e xustificar a elección do tema para o seu traballo final de grao: “No sé”, en castelán. Seguindo co xogo de palabras, “nose”, en inglés, é nariz, o elemento distintivo destes galardóns ou recoñecementos aos que opta todo o alumnado do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto tanto a nivel individual coma colectivo.

A Aula de Audiovisuais acolle este mércores 8 de maio, ás 12:00 horas, o acto de entrega dos RED NOSÉ AWARD, un evento no que un total de 15 estudantes e/ou antigos alumnos da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) recibirán o prezado trofeo: un nariz vermello agochado nunha figura de cor branca deseñada e impresa en 3D polo profesorado do centro. Está previsto que asistan ao acto, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, así como o equipo directivo e o profesorado desta escola do campus ferrolán.

Ao longo da xornada, a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) recoñecerá polos seus logros ao alumnado Adriana Loureda García (equitación), Lara Rial García (ximnasia rítmica), Daniela Sevillano Fernández (longboard e judo), Miguel Nistal Brage (piragüísmo e fútbol), Silvia López Freiría (ximnasia rítmica), Víctor Minambres López (baloncesto), Noela Mato López (ilustración e kárate), Araiz Bastos Pereira (música), Iria Otero Vazquez (atletismo), Lorena Fernández Rodríguez (relato corto), Javier Pontón Rodríguez (natación), Adela Ríos Gómez (divulgación científica) e a Irene Rodríguez Ríos (traxe galego).

A maiores, durante o evento, o a dirección do centro e o seu profesorado tamén recoñecerán o traballo realizado a prol da profesión de dous antigos alumnos da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Luis Miguel Paz Senra e Marta María Álvarez Crespo, logo de obteren diversos premios en distintas etapas da súa formación universitaria.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …