Concello de Narón e cooperativa Agroflor establecen liñas de colaboración

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e as edís de Promoción Económica, Olga Ameneiro, e Formación, Natalia Hermida, reuníronse este martes 7 no Concello de Narón con María José Manivesa e Fran Pico, presidenta e técnico, respectivamente, da cooperativa Agroflor, asentada no polígono da Gándara, en Narón.

O obxectivo deste encontro foi o de establecer unha serie de liñas estratéxicas encamiñadas e dar a coñecer as posibilidades que ofrece o sector, que precisa na zona dun relevo xeracional, tal e como indicaron.

A presidenta de Agroflor explicou que “queremos dar a coñecer as oportunidades que ofrecemos no sector para iniciar un novo proxecto agrario a través do noso acompañamento, tanto na liña da produción como na da comercialización de planta, horta e flor”.

Nesa mesma liña, o técnico da empresa apuntou que o sector “é un dos que ten máis futuro e que urxe un relevo xeracional, porque a xente de máis idade estase xubilando”. A cooperativa Agroflor é a única de flor en toda Galicia que mantén a súa actividade dende a súa fundación, no ano 1985.

Tal e como apuntou Manivesa, agrupa actualmente a unha trintena de socios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e tamén doutros concellos como os de Paderne e Irixoa, e conta cunha ducia de traballadores. A rexedora local e as edís naronesas conversaron cos representantes de Agroflor para intercambiar impresións sobre o sector, tanto no que respecta á súa situación actual como á súa proxección de futuro.

Nesa liña, dende ambas partes ofreceron a máxima colaboración para tratar de reforzar o traballo que se realiza no sector, “apostando polo produto de proximidade, o comercio local e o asentamento de poboación na zona, onde amplos espazos de terreo poderían quedar baleiros, lamentablemente, pola falta dese relevo xeracional”, explicou Ferreiro.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …