Inscrición para participar en Narón no programa “Conciliaverán 2024”

O Concello de Narón abrirá este martes 7 ás 8:30 horas o prazo de inscrición no programa Conciliaverán 2024.

A convocatoria diríxese a alumnado de entre 3 e 12 anos empadroado ou escolarizado na cidade cando traballen os dous proxenitores ou un deles se é familia monoparental.

Así o avanzou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, que recalcou que as inscricións, de balde, poderán tramitarse ata o 16 de maio ás 13:00 horas.

En total ofértanse un centenar de prazas e as persoas admitidas, que serán debidamente informadas, disporán dun prazo de dous días para presentar a documentación requerida.

O Conciliaverán 2024 desenvolverase do 1 de xullo ao 9 de agosto, en tres quendas: do 1 ao 12 de xullo; do 15 ao 26 de xullo e do 29 de xullo ao 9 de agosto.

O programa desenvolverase nas instalacións do CRA de Domirón, no Alto, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas e ofrecerá servizo de madrugadores de 8:00 a 9:00 horas e acompañamento ao mediodía, de 14:00 a 15:00 horas.

Os nenos realizarán actividades lúdico educativas, como xogos populares, obradoiros de manualidades, dinámicas de animación… todas elas con carácter inclusivo e contidos transversais de educación en valores, tal e como recordou a edil naronesa.

As inscricións poderán tramitarse a través da Sede Electrónica de Narón, o Rexistro municipal ou calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1125).

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …