O BNG propón ampliar o BIC da cheminea de Endesa nas Pontes e integrar instalacións da central no Museo Galego da Electricidade

Foto archivo-Endesa, As Pontes

O portavoz nacionalista de Enerxía, Xosé Manuel Golpe, defendeu no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da cheminea da central de Endesa nas Pontes -que está tramitando actualmente a Xunta- tamén ao parque de carbóns, unha caldeira, a sala de turbinas, dúas torres de refrixeración próximas entre elas e a sala de control.

Golpe afirmou que o conxunto destas instalacións sería ideal para integrar o Museo Galego da Electricidade, espazo que estaría localizado “no concello galego con máis tradición na xeración eléctrica” e coa meirande diversidade de fontes de xeración eléctrica e que van dende varios parques eólicos e unha central hidroeléctrica ata un ciclo combinado de gas e, proximamente, a unha central hidroeléctrica reversible e unha planta de biomasa.
Este feito singular abre moitas oportunidades para integrar todas estas instalacións, presentes e futuras, nun plan de xestión turística”, explicou o deputado do BNG na comisión parlamentaria de Industria e Enerxía para defender unha iniciativa que aposta por completar o novo espazo museístico con outras instalacións enerxéticas de xeración eléctrica e térmica do concello das Pontes e do veciño Parque Experimental de Sotavento.

A segunda proposta recollida na iniciativa do Bloque pasa por que a Xunta solicite a Endesa a elaboración dun estudo, baixo a coordinación do propio Executivo galego, para a utilización, a curto prazo, do resto de instalacións e terreos da central, co obxectivo de contemplar distintos usos que posibiliten a xeración de emprego e a recuperación socioeconómica das Pontes e do seu contorno, coa implicación de todas as administracións. Por último, a proposición non de lei incluía a convocatoria urxente da Mesa para o Impulso da Actividade Económica das Pontes.

Ante o veto de PP e PSOE á iniciativa, Golpe afeou a súa teima de limitar o BIC só á cheminea. “O que temos que poñer en valor é un pasado industrial tan importante como o das Pontes, que lle poidamos explicar aos nosos fillos ou aos nosos netos que pasou aí con algo tanxible e non cun reloxo solar de 356 metros de altitude”, recriminou en referencia á altura da fumeira da central.

De igual xeito, advertiu que o chan que ocupa a térmica é propiedade de Endesa no caso de que o obxectivo final sexa que eses terreos se convertan en solo industrial, algo do que, segundo subliñou, precisamente non carece un concello que, sen embargo, si está falto do compromiso de Xunta e Goberno estatal no desenvolvemento de proxectos que contribúan á súa revitalización económica e á xeración de emprego.

Neste sentido, exemplificou no plan Futur-e para As Pontes, no que había un proxecto dunha planta de pneumáticos que xa non existe. “Ese é o páramo industrial no que se está convertendo a vila das Pontes”, concluíu.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …