San Sadurniño aglomera un tramo viario entre Bardaos e Santa Mariña

O Concello de San Sadurniño completou a reparación dun novo tramo viario da rede municipal, concretamente o que une os lugares da Veiga e do Castro, en Bardaos.

A obra, adxudicada a primeiros deste ano  á empresa José No Mantiñán e Hijos, abrangue un percorrido de 1,3 quilómetros, sobre os que se estendeu unha nova capa de firme aglomerado, previo acondicionamento da base e das cunetas.

O investimento aproxímase aos 90.000 euros, procecentes dos remanentes de tesouraría de 2022, e supón unha nova mellora nun dos principais eixos de comunicación do concello.

A actuación centrouse no trazado que separa os cruzamentos da Veiga e do Castro, en Bardaos, moi danado nos últimos anos pola intensidade do tráfico que soporta, xa que é a principal vía de comunicación con Santa Mariña e tamén coa parroquia valdoviñesa de Vilaboa.

A obra consistiu, en primeiro lugar, nunha limpeza do antigo firme e no tapado de baches e outras irregularidades para, posteriormente, estender unha capa de aglomerado cun ancho medio de 5 metros que ofrecese mellor adherencia e maior resistencia ao desgaste, incluso o producido polo tránsito de maquinaria agroforestal.

Ademais, co obxectivo de que á pista non haxa que volver tocarlle en anos, tamén se fixo unha limpeza en profundidade das gabias laterais que garanta unha correcta evacuación da chuvia que, doutro modo, podería debilitar a base da nova estrada. Iso si, o proxecto incluiu a reposición das ramplas de acceso aos predios colindantes xunto coa instalación de tubaxes soterradas nos puntos en que fose necesario.

Case 90.000 euros de investimento

O aglomerado A Veiga – O Castro incluírase como previsión no Plan Complementario da Deputación de 2023, en espera de que por parte do ente supramunicipal se habilitase unha partida económica para levalo a cabo. Porén, finalmente o proxecto non se acolleu ao financiamento provincial e o Concello optou por sufragalo con fondos propios saídos dos remanentes cos que pechou a Conta Xeral de 2022. 

O investimento total ascendeu a 89.298 euros, IVE incluído, e o proxecto adxudicóuselle a principios deste ano á empres José No Mantiñán e Hijos.

Cómpre recordar que en 2021 o Concello xa reparara outros 3,2 quilómetros deste eixo -o traxecto entre Castrelo e A Veiga-, dentro dun plan a varios anos no que agora, unha vez rematado o anaco A Veiga – O Castro,  só faltarían por aglomerar os cerca de 800 metros até a Bañoca “para completar a reparación integral do principal enlace interior entre Bardaos e Santa Mariña, que ademais conecta coa estrada de Ortigueira en San Ramón”, explica o alcalde, Secundino García.

O rexedor anunciou que ese último tramo “tamén está previsto a medio prazo, ben con fondos doutras administracións ou, como ocorreu neste caso, con recursos municipais”.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …