O III Anuario de Estudos Marítimos afonda na análise estratéxica desde un enfoque multidisciplinar

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, presidiu na sala de prensa da Reitoría da UDC a presentación da terceira edición do Anuario de Estudios Marítimos, acompañado pola directora do Instituto de Estudos Marítimos, María Isabel Novo Corti; e María José Rodríguez Docampo, secretaria e codirectora da publicación xunto con Fernando González Laxe.

O Anuario recolle un conxunto de estudos agrupados nas materias de Dereito, a Economía e a Náutica, contando coa autoría de persoas expertas de diferentes universidades e cun consello asesor formado por 19 especialistas internacionais nas materias de dereito, economía, enxeñaría, ciencias, náutica e navegación; traballando de xeito colaborativo.

Na súa intervención, o reitor, Ricardo Cao, incidiu na importancia do estudo, que nesta terceira edición avanza na análise global e estratéxica dun sistema marítimo cada vez máis relevante na economía global.

Un anuario, resaltou Cao, que “sen dúbida achega importantes claves para poder entender moitas das cuestións que afectan a este sector, sobre todo porque coñecemos a rigorosidade dos estudios deste Instituto, que é un orgullo para a UDC”.

Foi María José Rodríguez Docampo a encargada de debullar os diferentes eixos sobre os que versa este ano a publicación, poñendo en valor cada un dos dezaseis artigos que a compoñen, estruturados en tres áreas:

Xurídica, onde hai aspectos tan relevantes como a protección e xestión das paisaxes marítimas, as condicións de traballo nas actividades marítimo-pesqueiras ante a transición ecolóxica e dixital ou a ciberseguridade.

Económica, cunha análise do impacto pesqueiro na economía, pero tamén na sustentabilidade, onde no que atopamos temas de máxima actualidade como a implantación da tecnoloxía blockchain na loxística marítima.

En Náutica, onde se analizan aspectos técnicos e cuestións medioambientais, como a transferencia de calor nos tanques de regasificación onshore, os gases de escape e o seu efecto sobre o pH ou a contaminación por plásticos procedentes de buques.

Rodríguez Docampo anunciou así mesmo unha novidade que se implantará na vindeira edición do Anuario, en 2025, que será publicada en dixital e contará con descarga gratuíta para todas as persoas interesadas.

Pola súa banda, María Isabel Novo Corti destacou a importancia do sector marítimo nunha economía cada vez máis azul, sobre todo nunha rexión como Galicia, cunha clara vinculación co mar. Tamén puxo de manifesto a importancia da dixitalización do transporte marítimo, que achega grandes vantaxes a un sector cunha importante complexidade loxística, polo gran de número de actores que interveñen na súa xestión organizativa.

Lea también

Sentencia firme a favor de una aspirante de Navantia Ferrol excluida de un proceso selectivo

El Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ya le había dado la razón y ahora …