A concelleira de Política Lingüística, Patricia Cons, presentou na comisión da área o acto que o Concello de Ferrol, en colaboración coa Agrupación de AAVV da Zona Rural, levarán a cabo o próximo 17 de maio con motivo do Día das Letras Galegas.
A edil destacou que “homenaxearemos a Luísa Villalta, a poetisa coruñesa á que este ano a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas, recordando a súa traxectoria profesional”.
O acto, que comezará ás 17:00 horas, contará tamén coas actuacións musicais das rondallas Santa Uxía de Mandiá e Club de Campo, así como co Real Coro Toxos e Froles que poñerá o broche de ouro a esta xornada que servirá tamén para coñecer algo máis do traballo da poetisa. Villalta foi creadora dunha obra única que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90, segundo a Real Academia Galega.
Outras actividades
Ademais, ao longo do mes de maio celebraranse outras actividades no marco desta celebración, como a entrega de premios e presentación da exposición do XXIV Certame de creación artística Poesía e Imaxe, en galego, sen filtro, organizado pola concellería de Política Lingüística en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.
A inauguración da exposición terá lugar o vindeiro luns 6 de maio ás 19:00 horas, no salón de actos do Centro Cultural Carvalho Calero. Neste acto faráselles entrega aos participantes seleccionados dun agasallo conmemorativo do certame e unha reprodución da obra que presentasen ao certame.
Nesta ocasión, resultaron seleccionados traballos artísticos de 13 centros de ensino (12 de Ferrol e un de Valdoviño) e un total de 56 alumnos e dúas obras de carácter colectivo de educación infantil.
Tamén continúa a actividade de dinamización do programa Apego. Os máis pequenos poderán desfrutar o día 7 de maio, ás 19:00 horas, na capela do Centro Cultural Torrente Ballester co espectáculo de monicreques A Filla do Cacharulo, de Babaluva Teatro.
O 30 de maio, tamén ás 19:00 horas e no mesmo escenario, a compañía Trémola Teatro porá en escena A pequena gran inventora.