O Concello de Ares organiza este venres, 3 de maio, unha nova charla inscrita baixo o selo da Academia AresXSalud, un ciclo de conversas para fomentar unha maior calidade de vida a través da divulgación de bos hábitos deportivos e psicolóxicos. A ponencia realizarase ás 19:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana baixo o nome ‘Un adolescente na casa’.
As familias ou os profesionais que traballen con adolescentes serán os destinatarios da charla, ao achegarse dunha maneira completa á forma de relacionarse cun adolescente no día a día. Cuestións como as adaptacións aos cambios, a xestión dos conflitos, os trastornos mentais vencellados con ese período de vida ou a maneira de aumentar a súa responsabilidade e motivacións serán algunha das temáticas a debullar.
As Concellarías de Deportes e Benestar resaltan tamén algunhas intencións de aprendizaxe detrás da charla divulgativa. En última instancia, o que se desexa é afrontar a relación co adolescente dende a curiosidade, contextualizando tamén a resistencia fronte aos cambios e reflexionando colectivamente sobre o que implica a máxima ‘ter a razón’, en ocasións un obstáculo de base para os conflitos. Todo isto sen esquecer o impacto que teñen os avances tecnolóxicos neles e nos propios adultos.
A ponencia ten entrada libre até completar o aforo e estará conducida por José Antonio Barcia Tuccelli, educador físico e psicólogo especializado en Psicoloxía do Deporte.