As Pontes sede do Eume Raid, I proba da liga nacional de Raid de aventura ´24

O Concello das Pontes acollerá, esta fin de semana, a proba deportiva “Eume Raid 2024”, Campionato Galego e primeira proba da Liga Española de Raid de Aventura, puntuable para o ranking de Liga Nacional.

Elena López, concelleira de deportes, acompañada de Claudia Oreiro, vicepresidenta da Federación Galega de Orientación, e de Pablo López, do Gallaecia Raid, director de carreira da proba presentaron a competición na que participarán 54 equipos de 3 membros cada un, que veñen dende todo o territorio español e mesmo dende Portugal e que  tomarán a saída o vindeiro sábado 27, a partir das 11:00h dende o patio do CEIP Santa María.

Elena López resaltou a importancia de acoller “unha competición que combina diferentes disciplinas deportivas que se practican na natureza, baseada no traballo en equipo, no esforzo e na resistencia promovendo ao mesmos tempo o coidado do medioambiente e valores esenciais para a vida cotiá”

Os atletas participantes deberán completar un percorrido de 140 quilómetros, dividido en 7 seccións,  onde os participantes se enfrontarán a tres disciplinas deportivas diferentes: carreira a pé, en bicicleta, e en kayak, todo baixo o marco da orientación, de tal xeito que non existe un percorrido previamente marcado.

A organización facilitamos mapas da carreira, onde estará dispostos diversos puntos de control e os equipos participantes terán que localizalos coa axuda dun compás e a súa habilidade para interpretar os mapas.

Segundo as previsións da organización, o equipo gañador debería completar o percorrido nunhas 15 horas; e a proba darase por concluída o domingo 28 ás 10:00h, 23 horas despois da saída. Ese mesmo domingo, ás 11:30h no patio do CEIP Santa María terá lugar a entrega de premios.

Pablo López quixo destacar a importancia de celebrar esta proba para poñer en valor o territorio pontés, o concello máis extenso da provincia. Ademais agradeceu a Carlos Zas, de Montes e Fragas, a cesión dos terreos para a realización do percorrido, indicando que se trata dunha proba co obxectivo de “100% eco”, xa que se vai compensar a mínima pegada de carbono que poida deixar a proba no territorio, grazas ao bono obtido do Ministerio de Transición Ecolóxica, destinado a plantar árbores autóctonas.

Ademais a proba vai poder seguirse en directo a través da plataforma “Track The Race” que ofrecerá a xeolocalización en tempo real de tódolos equipos participantes durante a proba.

Pola súa banda, Claudia Oreiro, vicepresidenta da Federación Galega de Orientación quixo poñer en valor o traballo de tódolos axentes implicados na organización desta proba deportiva; dende o Concello das Pontes, pasando pola Federación, os voluntarios, e os patrocinadores do evento, como GADIS, xa que ao tratarse dun deporte minoritario, resulta complicado xestionar unha proba deportiva desta envergadura.

Finalmente, Elena Lopez amosábase encantada de recibir este evento, e aproveitaba a ocasión para convidar a toda a veciñanza a gozar do espectáculo deste Eume Raid 2024 que “da a coñecer a potencialidades non só das Pontes senón de todo a comarca do Eume para o deporte da orientación e, por extensión serve para consolidar o noso municipio como escenario de grandes eventos deportivos cunha repercusión nacional”

Lea también

Dos heridos, uno de ellos grave, al salirse de la vía el coche en el que viajaban, en A Barqueira

El copiloto de un Seat León que sufrió una aparatosa salida de vía en la …