Narón convoca tres novas andainas do programa “Ponte en ruta con nós”

O Concello de Narón abre a vindeira semana, os días 22, 23 e 24 de abril, o prazo de inscrición na primeira das andainas programadas este ano no marco da iniciativa municipal “Ponte en ruta con nós”.

O edil de Deportes, Ibán Santalla, avanzou que se programaron tres saídas, os días 28 de abril, 26 de maio e 16 de xuño, “todas elas pensadas para persoas de diferentes idades e encamiñadas a dar a coñecer o noso entorno e parte do patrimonio da cidade”.

“Volta á ría” é a saída programada para este mes, o día 28, duns 14 quilómetros e na que os participantes partirán ás 9:30 horas das inmediacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara cara ao mosteiro do Couto e o paseo de Xuvia para, unha vez no magnolio centenario, retomar o camiño de volta pola senda peonil e ciclista entre Xuvia e Freixeiro, pasando pola igrexa do Lodairo, A Picota e outros puntos da parroquia do Couto ata chegar de novo ao polideportivo da Gándara.

A segunda das saídas previstas é a da “Pena Molexa-Senda Ártabra”, duns 13,5 quilómetros e que terá lugar o 26 de maio. Neste caso o punto de encontro será no Centro cívico social do Val, dende onde e se sairá ás 9:15 horas cara á Pena Molexa, a Pena Lopesa, o Campo do Aveal, O Casal, Vilarquinte e o Monte da Lagoa, unhas zonas da citada parroquia cunhas espectaculares vistas. O prazo de inscrición nesta andaina permanecerá aberto os días 20, 21 e 22 de maio.

Finalmente, o día 16 de xuño terá lugar a terceira das andainas, pola “Ruta dos muíños-Mirador de Ancos”. Os camiñantes sairán ás 9:30 horas do magnolio do paseo marítimo de Xuvia para percorrer un tramo duns 13,5 quilómetros que irá pola ponte de Xuvia, as inmediacións do muíño de Xuvia, a presa do Rei, o muíño de Entrerríos e a ponte románica de Pielas cara ao mirador de Ancos para descender de novo ata a ponte de Xuvia. As inscricións deberán realizarse os días 10, 11 e 12 de xuño.

As persoas interesadas en participar poden anotarse os días anteriormente indicados, aboando 5 euros, nas oficinas do Padroado de Deportes (Estrada da Gándara, 148), en horario de 8:30 a 13:00.

O número de asistentes está limitado a 150 por andaina e non se autoriza a participación de menores sen acompañamento do pai, nai ou titor. Para máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 981 387 522.

“Este programa ten cada ano unha excelente acollida entre as nosas veciñas e veciños, e confiamos en que así continúe sendo, porque representa unha magnífica oportunidade para coñecer máis polo miúdo moitos espazos, construcións e parte do patrimonio de Narón”, recalcou Santalla.

Lea también

Otra ocasión perdida. El Racing logra un empate ante el CF Eldense y continúa en puestos de descenso

(Amboage)-Y otra ocasión más de salir de los puestos de descenso que no llegó a …