Ares lanza 8 obradoiros para veciñanza e 6 para comercios locais centrados na dixitalización

A concellaría de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICS) de Ares desvelou a oferta de cursos que se poñen a disposición da veciñanza e tecido empresarial no marco do programa Rural TIC do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

Este conxunto de obradoiros supoñen unha oportunidade única para formarse gratuítamente en cuestións relacionadas coa Internet, a ciberseguridade e os bos hábitos á hora de navegar pola rede, promovendo unha maior autonomía persoal para a cidadanía e unha mellora da presenza dixital das empresas.

Habilítanse un total de 14 obradoiros (8 para veciñanza e 6 para empresas) que se impartirán durante as dúas semanas, dende o luns, 15 até o venres, 26 de abril. As formacións dirixidas á cidadanía en xeral céntranse fundamentalmente en achegar  coñecemento sobre o bo uso de certas aplicacións (banca dixital e compras online; bizums; webs de confianza), unha navegación segura coma usuarios ou como interaccionar coa administración vía virtual.

No que atinxe ás empresas, o programa Rural TIC ensinará a ter unha páxina ou tenda en liña propia, amais de falar das ferramentas ao alcance do autonómo ou pequena empresa para a súa organización interna, incorporando tamén un módulo específico para aprender a traballar coa administración (plataformas de contratación,
tramitacións electrónicas, certificados dixitais…).

Esta planificación inclúe unhas sesións, denominadas como “ventás de información”, para o asesoramento máis personalizado ao empresario/a para posicionalo na Internet con máis calidade e a resolución das dúbidas dos obradoiros.

Aproveitando a posta en marcha desta programación, a concelleira de TICs, Olimpia Marcos, enfatizou “o relevante que é este tipo de coñecementos para todos os cidadáns, pero especialmente á xuventude e persoas maiores, ao axudar a desenvolverse moito mellor e con máis seguridade na rede”, salientou.

A edil de TICs tamén declarou que “dende o Concello consideramos que é fundamental contribuír e potenciar o medio rural a través da dixitalización, reducindo as brechas que se producen coa transformación tecnolóxica; ese é o noso compromiso e función social”.

Inscricións de balde abertas

Para formalizar os obradoiros, precisarase contar cun grupo mínimo de persoas interesadas (5 persoas), baixo inscrición previa presencial na Casa da Xuventude ou vía telemática, seguindo os dous formularios que habilitará o Concello de Ares a partir das 14:30 horas desde o martes 9 de abril até o luns 15, nesa mesma franxa horaria.

A participación tanto dos comercios locais coma da veciñanza nos obradoiros é de balde. No que atinxe aos horarios, os cursos destinados á veciñanza realizaranse de 17:00 a 18:30 horas e os focalizados no tecido empresarial de 19:30 a 21:00 h., todos na Casa da Xuventude municipal.

Lea también

As Somozas, galardoada con tres Flores de Honra no certame ‘Vilas en Flor Galicia’

O Concello das Somozas conseguiu, por segundo ano consecutivo, tres ‘Flores de Honra’ na súa …