Cedeira prevé a mellora do camiño de Chao do Monte a Teixido

O goberno local de Cedeira ten tramitado solicitudes de axuda en dúas convocatorias da Axencia de Turismo, na procura de financiación para levar adiante o proxecto de mellora do camiño que vai de Chao do Monte a Santo André de Teixido. O obxectivo é facer máis accesible o vieiro municipal, que coincide co tramo final dos dous camiños de peregrinación a Teixido moi coñecidos e transitados, o Camiño Vello e o Camiño de Santo André.

Trátase, segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, de intervir para retirar elementos que
obstaculizan o paso e facilitar que máis persoas poidan realizar o percorrido, sen alterar o aspecto natural deste milenario sendeiro.

Entre os problemas que presenta o camiño está a acusada pendente nalgúns tramos, que fai difícil o tránsito de subida e especialmente o de baixada. Tamén se acumulan pedras e barro en diferentes puntos do percorrido, e nalgunha valgada xúntase auga. A actuación proposta, que está orzamentada en 49.136€ (IVE incluído), pasa por instalar unha baranda de madeira naqueles lugares nos que a pendente pode facer perigoso o camiño e por facer unha gabia e unha arqueta que recollan o exceso de auga nos tramos nos que existe máis humidade.  Estes elementos faranse de pedra, de maneira que queden integrados na paisaxe e non alteren a paisaxe do camiño.

Tamén está prevista a colocación de paneis informativos sobre o Camiño Vello e o Camiño de Santo André, así como de bolardos de madeira para impedir o paso de vehículos non autorizados. Retiraranse aquelas pedras grandes que actualmente dificultan o paso, así como algunha árbore que está atravesada no itinerario, e colocarase algún elemento indicativo.

O Concello presentou o proxecto a dúas convocatorias da Axencia de Turismo, a que está dirixida a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das súas infraestruturas turísticas, e a que se dirixe ao embelecemento do litoral galego.

Recordou tamén o alcalde que xunto con este proxecto, o goberno local ten a intención de establecer un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para construír unha senda peonil nova, de dous metros de ancho, tamén desde Chao do Monte ata Santo André, para facer accesible o percorrido ás persoas con dificultades de mobilidade. Neste caso o orzamento necesario está arredor dos 600.000€ e o trazado iría xunto á estrada provincial DP 2206.

A promoción das andainas a Santo André de Teixido enmárcase tamén no programa de actuación do Xeoparque Cabo Ortegal, no que o turismo activo ten un papel prioritario.

Lea también

ENCE presenta o proxecto da súa pranta de Fibra Reciclada en As Pontes

Segundo as previsións que manexa Ence, na primeira fase xeraranse 100 empregos directos e preto …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *