O Galicia Fórum Gastronómico comezou este domingo en Expocoruña e prolongarase ata o martes 9

Trátase dun evento gastronómico de referencia no norte de España, desde que se celebrou a súa primeira edición no 2008, instalándose nas últimas catro edicións na cidade da Coruña e converténdose nun punto de encontro para o sector alimentario. Na súa última edición, en 2022, congregou 22.000 visitantes e a 200 expositores.

O recinto feiral de Expocoruña acolleu este domingo a inauguración do Galicia Fórum Gastronómico.

Os conselleiros do Medio Rural e do Mar en funcións, José González e Alfonso Villares, respectivamente, participaron este mediodía en dita inauguración e no que a Xunta ten unha presenza destacada, apoiando ademais a promoción que realizan, dos seus produtos, diferentes empresas do sector alimentario galego.

Ambos conselleiros estiveron acompañados neste acto pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e pola directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural en funcións definiu este evento como unha “unión da tradición, a innovación e a paixón” e avogou porque o Fórum “sirva como catalizador para fortalecer as nosas producións e promover un crecemento sostible” deste eido produtivo. Neste contexto, José González reafirmou o compromiso da Xunta coa excelencia das producións de Galicia, que se plasma a través de iniciativas como a Lei da calidade alimentaria, que entrou en vigor recentemente. Esta norma, sinalou, ten por obxecto “facer proveito da singularidade e da diferenciación das nosas producións agroalimentarias para mellorar ao máximo as condicións do sector”.

Nesta liña, o conselleiro indicou que a nosa comunidade xa posúe neste eido unha vantaxe competitiva “e temos que ser capaces de aproveitala”. Isto, engadiu, significa exercer unha protección das nosas producións máis xenuínas e tamén facer promoción delas.

Protección da calidade
Canto á protección, González puxo en valor o papel que desempeña neste campo a certificación “por medio das nosas 38 Experiencias de calidade” e explicou que a Xunta traballa fomentando a súa singularidade, apostando pola trazabilidade e asegurando a confianza do consumidor, así como fortalecendo “a nosa reputación como destino gastronómico de primeiro nivel”.

Con respecto á promoción, o conselleiro destacou o Plan específico da Xunta para esta finalidade, que contempla un investimento, este ano, de 9,5 millóns de euros “con retorno asegurado”, xa que suporá, trasladou, un beneficio para os nosos produtores. Tamén en referencia ás accións de promoción, fixo fincapé na importancia de promover e apoiar eventos coma o Fórum, na medida en que se trata dunha “canle de actuación para motivar o consumo” das devanditas Experiencias de calidade.

Neste sentido, José González valorou tamén a participación dos produtores neste tipo de espazos, xa que -subliñou- permite xerar o caldo de cultivo necesario para darlle máis visibilidade aos nosos produtos locais, facilitar o acceso a novos mercados e dar pé a sinerxías entre produtores, profesionais da cociña e consumidores. E agradeceu a presenza neste Fórum da Coruña de ata 31 empresas do sector agroalimentario apoiadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

En relación co programa de actos previsto dentro deste evento, o conselleiro animou aos asistentes a desfrutar da degustación de produtos, das catas e maridaxes, das charlas e demais iniciativas, en definitiva -dixo- “da calidade en xeral dunha terra única no mundo gastronómico”.

No acto tamén se fixo entrega da Carta Artesá a tres novas empresas, que xa forman parte do grupo de operadores e produtores amparados polo selo de Artesanía Alimentaria, unha das distincións de calidade coas que conta a Consellería. Trátase de Sacra Pan SL, coa marca comercial Sacrapastas; Martín Jesús Touceda González, coa marca Cienporcel e Embutidos Suarna, coa marca Suarna.

Un mar de sabor
O titular de Mar aproveitou para visitar ás firmas galegas presentes e en especial quixo acompañar aos nove coexpositores, todos eles inscritos á súa vez en Galicia Calidade, que se congregaron no stand da Consellería.

Alfonso Villares destacou o traballo realizado por pemes como A Conserveira, Empanadas do Mar, Mareterra Conservas, Mariscos Barallobre, Porto Muíños, Tenrura, Lume Alimentación, ademais da Confraría de Pescadores de San Andrés de Portosín e a Feira Internacional de Galicia Abanca-Salimat por contribuír a levar ás mesas dos consumidores os mellores produtos do mar de Galicia.

Tamén sinalou a importancia da promoción que, dentro do programa de catas e degustacións do GALICIA SABE AMAR, permitiu este domingo desfrutar dos mariscos de Barallobre, do Peixe de Azul de Portosín ou do linguado e o rodaballo que se cultiva en Galicia, produtos que destacan pola seu sabor e calidade.

PescadeRías, as conservas galegas da man de Anfaco-Cecopesca, Mexillón de Galicia, o Bonito do Norte dos Armadores de Burela e a pescada do pincho da OPP-7 tamén deste porto da Mariña, así como distintas algas que conforman as verduras do mar protagonizarán serán protagonistas das sesións que se maridarán mañá e o martes con viños das distintas DO galegas (Rías Baixas, Monterrei, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra.

O departamento de Mar, pola súa banda, continuará coa súa aposta por levar ás principais feiras sectoriais e gastronómicas do mundo este alimentos, ao tempo que a través de campañas como a xa asentada GALICIA SABE AMAR xunto coa máis recente AMAR GALICIA pretenden elevar o consumo entre as familias e nos locais de hostalería dos alimentos mariños, beneficiosos para a saúde e base dunha dieta tan equilibrada como é a atlántica.

A área de turismo da Diputación da Coruña está tamén presente neste evento cun stand propio no que se desenvolven diferentes actividades protagonizadas por recoñecidos chefs da provincia e produtores e produtoras locais.

O acto contou tamén coa participación do deputado de turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; Este salientou durante a inauguración do foro o potencial da gastronomía da provincia da Coruña, “cunha calidade capaz de posicionarnos no mercado do turismo nacional e internacional”.

O vicepresidente apuntou tamén a necesidade de “buscar un perfil de turista que valore, por riba de todo, esta calidade”. Neste sentido, destacou que “o Galicia Fórum Gastronómico é o mellor escaparate para amosar ao mundo a nosa identidade, a nosa diversidade, a nosa excelente materia prima e o noso bo facer: todo iso é a nosa mellor marca”.

Ademais, Regueira defendeu que “debemos apostar por unha estratexia turística sostible non só dende un punto de vista medioambiental senon tamén económico e social, e a nosa gastronomía, captadora dun turismo de calidade, é fundamental para acadar este obxectivo”.

Durante os tres días que dura o Galicia Fórum Gastronómico a área de turismo provincial ofrece unha programación protagonizada por produtores e produtoras locais, e chefs de referencia da provincia: mostras de produtos, degustacións, vermús, catas, presentacións e showcookings son algunhas das actividades que se levarán a cabo no stand da Deputación, que darán a coñecer ao público a gran diversidade gastronómica que hai ao longo da provincia.

A Deputación aportará ao evento a presenza de chefs e restaurantes de toda a provincia, que deleitarán ao público cos seus showcookings: O restaurante A Horta do Obradoiro (Santiago de Compostela) con Kike Piñeiro e Eloy Cancela; A Tafona (Santiago de Compostela) con Lucía Freitas; o Restaurante Mar de Ardora (Cabana de Bergantiños) con Marisol Martínez Mato; O restaurante Carrumeiro (Corcubión) con Rafael Fuentes; o restaurante Albatros (Outes) con Manuel Neiro; o restaurante Espazo Abella (Santiago De Compostela) con André Arzúa; a taberna O Lambón (Carballo) con Xusto Posse e Marcos Silva; e Xearte Brigitte, con Bríxida Hermida (xeadeira).

Ademais, o stand da entidade provincial será unha posta en valor dos produtos locais galegos, contando con diversos produtores como é o caso de Choiva Viños (A Coruña), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), Apia Natura (Oza-Cesuras), A Despensa D’Lujo (Coristanco), Cafés Lúa (Carballo), Casa da Avoa (Outes), Pandejuevo (Cee) e Xearte Brigitte (Santiago de Compostela).

O Galicia Fórum Gastronómico ven sendo o maior evento gastronómico profesional do norte de España. Desde o seu nacemento, no ano 2008, converteuse nunha plataforma de lanzamento e promoción do talento dos mellores cociñeiros galegos, ademais de ser un foro de formación e renovación culinaria.

Durante a súa celebración atrae á provincia numerosos visitantes chegados desde distintas partes do país, con máis de 22.000 visitantes, 200 expositores e máis de 30 estrelas Michelín.

 

 

Lea también

Afundación celebra el Día de la Música con conciertos sincrónicos

Afundación, la Obra Social de ABANCA, celebra el Día de la Música, día de Santa …