O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o colexio de educación especial de Aspanaes en A coruña, xunto coa deputada provincial e concelleira de Benestar Social da Coruña, Yoya Neira, con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo.
Formoso quixo subliñar “a sensibilidade e o compromiso da Deputación coas persoas usuarias de Aspanaes e as súas familias”. “Todo o que fagamos é pouco, aínda que a nosa colaboración sexa permanente, por iso é fundamental que todas as institucións colaboremos para fomentar a inclusión social e laboral das persoas con TEA e prestar apoio ás familias”, afirmou o presidente, que destacou que esta “non é labor dun día, senón dos 365 días do ano”.
A deputada provincial, Yoya Neira, quixo recoñecer “o gran traballo que realiza Aspanaes á hora de atender ás persoas e todas aquelas entidades que se encargan de traballar con este espectro”.
“Hai que poñer no punto de mira as dificultades que se atopan no día a día e temos que facer un esforzo entre todos para ser capaces de poñer cada vez máis recursos ao seu alcance” concluíu.
Pola súa banda, o presidente de Aspanaes, Ignacio Abella, agradeceu a visita do presidente e da deputada provincial e salientou que “o lema deste ano, ‘O autismo cerca de ti’, ten que ver con ese 1% de todos os nacementos que hai no mundo presentará autismo. Iso indica que somos un colectivo grande que precisa axuda, como a que presta a Deputación da Coruña, amosando o seu apoio no día a día”.
En España, a condición autista ten unha prevalencia aproximada de 1 de cada 100 nacementos, o que significa que hai unhas 470.000 persoas autistas. Esta afección maniféstase de forma diferente en cada persoa, polo que podemos ter preto a alguén con este espectro e non sabelo.
Na actualidade, o colexio de Aspanaes na cidade da Coruña conta con 40 persoas usuarias, que requiren de atención e precisan de coidados especializados.
Aspanaes é unha das 273 entidades sociais que cada ano contan co apoio económico da Deputación. Nos últimos anos a entidade provincial contribuíu a financiar programas e terapias de fomento da autonomía persoal das persoas con TEA e entregoulle un novo vehículo adaptado para o transporte dos seus usurarios, entre outras actuacións