O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto que busca reivindicar a literatura con actividades ao longo de todo o ano. Neste sentido, o evento central da iniciativa será o festival literario que se celebrará na vila eumesa do 23 ao 25 de agosto.
Pontedeume converterase así na primeira vila do libro galega, un proxecto que ten un longo percorrido en Cataluña, baixo o nome de Vila del Llibre y la Xarxa. De feito, a Vila do Libro das Ramblas, que se celebra en Barcelona, apadriñou a Pontedeume para acoller o proxecto, que reivindica a literatura e a historia dos oficios do libro arredor dun completo programa cultural e de lecer.
A actividade central deste proxecto será un festival literario que se celebrará en Pontedeume do 23 ao 25 de agosto de 2024. Os detalles desta edición foron definidos nunha serie de reunións a pasada semana entre os responsables da iniciativa catalá e o tecido cultural e asociativo eumés, as editoriais, centros educativos e agrupacións culturais, entre outros colectivos.
Os responsables da iniciativa mostraron a súa satisfacción ante a boa acollida da iniciativa na vila eumesa. Entre as conclusións destas xornadas, os responsables do proxecto sinalaron a aposta polo público mozo e a recuperación de espazos para transformalos en librarías temporais durante o festival.
“Tras a confirmación das datas deste festival, traballamos agora para concretar o programa do festival, que combinará cultura, educación, arte e comercio local”, sinala Alejandra Bellón, concelleira de Cultura de Pontedeume.
Baixo o proxecto, ‘Pontedeume, vila do libro’, incluiranse, alén deste festival en agosto, outros eventos e iniciativas de carácter literario. “O noso obxectivo é posicionar á vila eumesa como un referente cultural ao longo do ano, con
distintas iniciativas, e cun gran evento como é este festival”, engade a concelleira