O proxecto está orzamentado en 66.800 euros.
O Concello de Moeche volverá beneficiarse este ano do Plan Marco de Camiños municipais convocado pola AGADER con financiamento europeo. Trátase dun programa que consigna fondos para os municipios coa finalidade de reparar vías de acceso a parcelas agrícolas que, no noso caso, conta cun importe de 55.303 euros con posibilidade de executar un ou dous proxectos nas anualidades de 2024 e 2025.
Neste sentido, o Goberno local optou por encargar un único proxecto que se levará a cabo este ano, consistente na reparación da pista que vai desde o cruzamento da Casabranca até a estrada provincial DP-4904. É algo máis de un quilómetro de trazado ao que se lle vai botar unha nova capa de rodadura aglomerada. O proxecto está cuantificado en 66.838,52 €, impostos incluídos, dos cales o Concello asumirá con fondos propios un total de 11.535 euros. As obras licitaranse en breve.
A convocatoria de axudas financiadas cos fondos europeos do FEADER non inclúe os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra, así como tampouco os do IVE que corresponda segundo o prezo final de adxudicación. Esa é a razón de que o Concello teña que asumir parte dos custos de execución dunha actuación que servirá para reparar a coñecida como pista da Casabranca desde o seu arranque na gallada con Cristo do Rañal até a súa conexión coa estrada provincial que vai ás Somozas.
Cubrirase unha distancia total de 1.025 metros nos que, en primeiro lugar, se fará unha limpeza xeral da superficie e das cunetas para logo acometer o tapado de baches e outras imperfeccións da estrada actual, que se utilizará como base do novo firme. Estes preparativos teñen como obxectivo mellorar as condicións de drenaxe do subsolo e, ademais, garantir unha perfecta adherencia e regularidade da capa de pavimento aglomerado que se botará despois, de cinco centímetros de grosor.
A pista da Casabranca quedará cun ancho medio de 4,75 metros na maior parte do trazado, aínda que nos últimos 40 metros -preto xa da DP-4904- o largo amplíase até os 5,5 metros para formar o abano de incorporación á estrada provincial.
O proxecto deseñado polo Concello inclúe o acondicionamento dos accesos aos predios colindantes e tamén a sinalización horizontal. Tal e como explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a intervención “mellorará a seguridade viaria gracias a un pavimento que ofrece mellor adherencia e, polo tanto, menores distancias de freado, incluso en días de chuvia”. A rexedora tamén destacou que “facer un investimento importante neste momento evitaranos ter que acometer novas reparacións a curto ou medio prazo”.
A pista da Casabranca é unha das principais vías de entrada e saída polo leste ao núcleo de San Ramón, xa que recolle boa parte do tráfico entre o centro urbano de Moeche e As Somozas. Na mesma zona -e case en paralelo- encóntrase a DP-4901, que comeza no mesmo punto e desemboca igualmente na estrada provincial pasando por diante do campo de fútbol, aínda que nese caso a maior parte do tráfico que soporta é o que vai ou vén da estrada de Ortigueira desde Balocos. Este segundo eixo, de titulariedade provincial, tamén acaba de repararse con novo firme, beirarrúas e iluminación pública.