O obradoiro de mantemento cognitivo e funcional que AFAL imparte en Narón dispón de cinco vacantes

A concelleira de Benestar Social do concello de Narón, María Lorenzo, desprazouse ao local social de Piñeiros con motivo do servizo de prevención da dependencia específico de alzheimer e outras demencias que imparte AFAL Ferrolterra en colaboración co Concello.

Os obradoiros de mantemento cognitivo e funcional diríxense a persoas cun diagnóstico de demencia ou deterioro cognitivo en fase leve ou moderada e ofértanse, tal e como recordou a edil, dous días á semana, mércores e venres de 11:00 a 13:00 horas.

Trátase dunha proposta de balde para as veciñas e veciños de Narón e que na actualidade conta con cinco vacantes, polo que as persoas interesadas en acudir ou recibir máis información poden facelo nos Servizos Sociais do Concello ou na sede de AFAL (rúa Río Castro, 43-45; baixo, Ferrol), así como no teléfono da entidade, o 981 370 692.

Dende AFAL Ferrolterra explicaron que “o obxectivo principal é fomentar a autonomía das persoas afectadas optimizando as súas capacidades residuais a través dunha atención especializada e terapéutica”. A prestación deste servizo inclúe, apuntaron, unha ampla variedade de actividades de estimulación cognitiva, ximnasia terapéutica, actividades de ocio e tempo libre; así como información e orientación a familiares de persoas con demencia.

Nestes obradoiros realízase unha intervención específica tendente a manter e/ou mellorar as capacidades cognitivas, físicas e sociais das persoas con demencia coa finalidade de retrasar o avance da enfermidade e mellorar a calidade de vida. Desta forma, promóvese que as persoas usuarias permanezan no contorno da comunidade o maior tempo posible.

O servizo dos obradoiros de mantemento cognitivo e funcional ten o seu referente na Área de Prevención da Dependencia e Promoción da Autonomía Persoal para persoas dependentes con alzheimer ou outras demencias da Carteira de Servizos da Dependencia da Xunta de Galicia.

Lea también

Aprobado no pleno de Narón o novo PXOM por unanimidade da corporación local

A corporación local de Narón aprobou na tarde de este xoves por unanimidade a aprobación inicial …