Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña

O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura de Pontedeume “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico, publicada en outubro do ano anterior. A novela comeza coa eumesa Sara Vázquez, a protagonista, “sentada nun banco do parque, coa mirada inmóbil e expresión desolada, oía sen escoitar os asubíos do vento e o alegre boureo duns nenos que, ao lonxe, facían voar os seus papaventos. As grandes árbores lonxevas, con douradas follas outonais, mexían as súas pólas docemente na fresca mañá de novembro” (tomado e traducido de Olga Rico: “Los disfraces de la traición”, Editorial Círculo Rojo, 2016, p. 15). Que fácil foi para min imaxinar, coa axuda de Olga Rico, a Sara Vázquez naquel parque de San Francisco que eu visitara con Ana e o noso fillo Miguel, ben pequeniño, cargados de noces para que comesen da súa man os centos de esquíos, que en Oviedo, como é natural, chaman ardillas, e que hoxe creo que xa non están alí (Esquíos no parque de San Francisco).

Esquíos no parque de San Francisco

Sara non podía crer que unha sucesión de traizóns, que no libro aparecen sempre disfrazadas, como na nosa vila moita xente durante o Entroido cada ano para cumprir coa tradición, cambiase de socato a súa tranquila e apracible vida de muller felizmente casada e de brillante e recoñecida profesional como xefa do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Oviedo e investigadora na Universidade, pero así era.
Inesperadamente, Ernesto, o seu primeiro amor, aquel co que se daba furtivos bicos sendo noivos, no mesmo banco no que estaba sentada, e co que levaba casada vinte e dous anos, o pai do seu fillo Er, decidira marchar de casa con Estrella, unha das secretarias da súa empresa da que esperaba unha nova criatura. O outro alicerce que sostiña a vida de Sara e que lle daba seguridade, o seu traballo, tamén se veu abaixo, coma un castelo de naipes. O xerente do hospital chamouna para dicirlle que lle tiña que abrir un expediente que lle carrexou a suspensión de emprego e soldo por un ano (Presentación en Pontedeume de “Los disfraces de la traición”).

Presentación en Pontedeume de Los disfraces de la traición

Buscando un pouquiño de paz entre tanto desacougo, Sara volve á súa vila natal en Galicia, onde vivían o seu irmán e a súa nai, para pasar a fin de semana. A choiva e as bágoas foron as súas compañeiras de viaxe. Aínda que aquel outono estaba a ser benigno, esa noite había treboada e chovía a cachón. O recendo das mazás do país ao entrar no garaxe da casa tróuxolle lembranzas da súa infancia e os cestos de castañas que alí había recordáronme a min os colares de zonchos que faciamos de nenos por defuntos. Pola mañá xa delampara e podía verse a ría, dourada por un doce sol de outono que despuntaba no ceo ben cedo. Non se cita o nome da vila natal de Sara, pero os que coñecemos Pontedeume non precisamos que se diga expresamente porque hai moitos detalles que nos fan doada a identificación (O sol da mañá ilumina Pontedeume e a ría de Ares).

Pontedeume e a ría de Ares iluminados polo sol

É certo que o recendo a herba e terra mollada, os castiñeiros e as nogueiras, e a vista espléndida da ría que se contemplaba desde a casa de Sara poderían facer pensar en varios concellos da nosa terra; así e todo, cando nos describe o lugar, xa non hai dúbida.
Decídeme se minto: “Ao mediodía foi á vila dando un paseo. Os grandes plátanos que circundaban a estrada cubriran o chan dunha espesa alfombra de follas cobreadas; unhas tenues raiolas filtrábanse entre as súas pólas. Sara camiñaba amodiño, respirando con delicia o aire puro [ben sabemos que vai paseando pola antiga estrada da Estación, da que hoxe desapareceron esas árbores]. A vila, tan rebuldeira no estío pola chegada dos veraneantes, tiña un aspecto amortuxado. Só ao pasar preto do mercado, percibiu a fervente actividade dun día de feira [o Feirón dos sábados, hoxe vido a menos]: os postos, que se aliñaban onda a fonte dos Catro Canos [que evidentemente ten que ser a do Pilón], mostraban diversidade de roupas, calzados, paxes, queixos, empanadas, pans…, e alternábanse con telderetes de reloxos, pulseiras, panos de man e bixutería, algúns deles atendidos por xente de cor. Os habitantes da vila realizaban as súas compras e labregos que baixaban das aldeas circundantes vendían os seus produtos en pequenos espazos improvisados arredor da praza” (Idem, p. 33 e 34) (A antiga estrada da Estación cos seus chorados plátanos arrincados e só vivos na memoria do corazón).

Plátanos na estrada da Estación

Xa na casa, pola tarde, Sara contemplaba outra vez a ría de Ares. “O sol vespertino ía tinguindo de cores douradas e ocres os montes que caían sobre a ría. O mar estaba en calma, coma un prato” (Idem, p. 35). Que eumés non utilizou máis dunha vez esta expresión? (Solpor e calma na ría de Ares na foto de Miguel González-Llanos).

Solpor e calma na ría de Ares

Ao chegar á súa casa de Oviedo, Sara “meteuse na cama e tapouse ata a cabeza. Pensou nas ondas do mar lambendo a area, nun paseo descalza pola orela, na brisa fresca con olor a salitre, no chiar das gaivotas… e pouco a pouco, coa axuda da pastilla, quedou durmida” (Idem, p. 37). Evoca, como vedes, os garbeos que moitos adoitamos dar polas praias da Magdalena de Cabanas ou de Ber en Boebre. Tamén semanas despois, na casa de Omar, no capítulo 6, comenta con Valentín: “Este piñeiral a carón da praia lémbrame a miña vila. De pequena, a miña nai levábanos, de cando en vez, a comer ao campo entre os piñeiros. Eran días moi felices” (Idem, p. 75). Quen non recorda os xantares da infancia ditosa entre estas árbores no Areal de Cabanas, á beira da praia, nos que non podían faltar a tortilla e os bistés empanados, como no que Valentino lle prepara a Sara no capítulo 8? (Idem, p. 91)… E que dor e carraxe nos causa ver o piñeiral asolagado coma nos últimos días! (Foto de Miguel González Llanos do anegado piñeiral de Cabanas).

O asolagado piñeiral de Cabanas

O capítulo 16 narra unha nova visita de Sara a Galicia para asistir ao enterro de dona Esmeralda, a súa nai, no cemiterio de Porto, malia que non se cita. Moitos vilanchos acudiran á casa familiar onde se celebrara o velorio e logo tamén á igrexa parroquial e ao camposanto. Así o conta o narrador: “Cando chegaron ao cemiterio, situado no alto da vila [coma o noso, para poder descansar por sempre vendo a ría no alén] a brisa espeliu a Sara, que respirou o aire puro con olor a eucalipto que baixaba da montaña [obviamente, viña do noso monte de Breamo]. Ao cemiterio subiron tamén algúns veciños afeitos a lles render culto aos defuntos. Moitas tumbas estaban cubertas de flores, e o silencio reinante só era roto polo ruído dos pasos en procesión e pola voz do crego rezando un responso. No panteón familiar, a lousa de granito galego que cubría a sepultura estaba apartada, deixando á vista a foxa onde tamén fora enterrado o seu pai. Sara non se atreveu a mirar” (Idem, p. 167) (Foto de Aurora Lapique da capela do camposanto eumés).

Desde o seu regreso a Oviedo, Sara comeza unha nova etapa profesional e emocional na que vivirá grandes paixóns e se lle presentarán interesantes, inesperadas e arriscadas oportunidades, que lle espertan acotío fortes conflitos e intensos debates coa súa conciencia. Verase envolta nun mundo de traizóns, mafias e conspiracións que a levarána un desenlace sorprendente que non podemos desvelar. Eu anímovos, aos que aínda non o fixestes, a descubrilo e a emprender esta viaxe apaixonante que nos atrapa desde o principio ao final da novela (Presentación en Pontedeume de “Los disfraces de la traición”).

Presentación en Pontedeume de Los disfraces de la traición

A historia ten unha estrutura circular na que Sara é o eixo do que parten todos os raios que forman a circunferencia e conectan os diferentes personaxes e as diversas accións.
O omnisciente narrador fala en terceira persoa pero case sempre adopta o punto de vista de Sara, e ofrécenos acotío magníficas páxinas dun moi brillante estilo indirecto libre.
Non abusa nunca das longas e aburridas descricións. Proporciona sempre os datos  precisos e imprescindibles e deixa que o relato flúa a través dos ricos e áxiles diálogos dos personaxes, que utilizan, sen excepción, unha linguaxe sinxela, realista e asemade culta, que lle achega ao texto un gran dinamismo, emoción e expresividade.

A narración é áxil, amena e apaixonada, e mostra a habelencia e rigor que sempre percibimos nos textos de Olga Rico. Presenta unha trama moi ben elaborada e esplendidamente labrada polo seu xa experto cicel, onde cada personaxe resulta imprescindible para encaixar as pezas do crebacabezas que se vai construíndo paseniño ata chegar ao desenlace. Nada queda ao chou e á improvisación, porque todo ten o seu
porqué e a súa razón de ser. A estrutura circular de “Los disfraces de la traición” vese completada no último capítulo, o 22, onde aparece Sara, sentada no mesmo banco do parque de San Francisco, que ocupara, desolada, no capítulo 1, cinco anos antes. Xa tiña outra vida que se fora tecendo devagar ao longo dese tempo.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …