A Deputación da Coruña abriu o 19 de marzo prazo para que as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadores da provincia soliciten as axudas provinciais destinadas ao financiamento das súas actividades. Poderán facelo ata as 14.00 horas do vindeiro 19 de abril, tal como recolle o BOP na súa edición do 18 de marzo.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, tivo oportunidade de compartir con representantes de distintos pósitos da Costa da Morte os detalles da convocatoria de subvencións, entre outros temas de interese para o sector, durante varias visitas que realizou a diferentes concellos da zona.
Capelán lembrou que este ano se puxo en marcha un segundo eixo de subvencións destinadas ao fomento pesqueiro, que contan cun orzamento total de 650.000 euros.
Así, unha primeira liña, dotada con 500.000 euros, destínase á mellora das actividades propias das entidades, mediante accións como o aluguer de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal de vixilancia ou a adquisición de sementes de moluscos.
Mentres, a segunda refírese a subvencións para a celebración de exaltacións do produto pesqueiro. Supón unha novidade respecto de anteriores convocatorias e é froito de diversas suxestións recollidas de contactos coas entidades, explicou a deputada. Con ela preténdese dar soporte a festas que constitúen un gran escaparate para a promoción de peixes e mariscos.
En ambos eixos das subvencións, as actividades obxecto das axudas deben realizarse dentro deste ano. As bases poden consultarse na seguinte ligazón:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/07/2024_0000001564.pdf
Pódese acceder ao extracto da resolución que marca a apertura do prazo de presentación de solicitudes a través da dirección web
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/18/2024_0000001740.pdf
A Deputación da Coruña creou neste mandato unha área de goberno específica para as actividades relacionadas co mar. O obxectivo, recordou Capelán, é prestar especial atención a uns sectores que enfrontan un momento moi complexo e necesitan do apoio de todas as administracións.
A deputada provincial está a visitar os pósitos da provincia para ter información de primeira man acerca da situación e as problemáticas que lles afectan. Así, onte mantivo unha reunión con representantes da Confraría Virxe da Barca, de Muxía, á que acudiu na compaña do alcalde, Iago Toba, e a tenente de alcalde Olalla Benlloch. A ese encontro sucedérono tres máis ao longo da xornada, nos pósitos de Corcubión, Nosa Señora das Areas, de Fisterra, e Caión.