O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu os actos institucionais do Día das Pepitas e de irmandade co Concello de Mondoñedo que se desenvolveron no teatro Jofre.
O programa deu inicio coa recepción á delegación municipal da vila mindoniense, co concelleiro de Cultura, Alberto García, á cabeza, así como ás madriñas, padriños e rondallistas homenaxeados este ano.
Esta singular e destacada festa ferrolá, que data de finais do século XIX, rende cada ano homenaxe á música e ás mulleres. “A pervivencia desta celebración reside no esforzo e traballo de moitos homes como os que hoxe nos acompañan neste foro e que forman as rondallas”, expresou o rexedor, engadindo que “a festa está a evolucionar cos tempos e agora tamén saudamos a mulleres que rondan e a padriños”.
Este ano, o Concello de Ferrol homenaxeou a Antonio Cartelle Vilasánchez, falecido en 2023, como Músico de Honra, e como Rondallistas de Honra a José Ramón Rodríguez Caamaño (Bohemios), Manuel Varela Lence (Bohemios), Jaime Sordo López (Bohemios), José Ángel Santiago López (Sonidos del Alba) e José Enrique López Mosquera (Sonidos del Alba).
O alcalde destacou a figura de Antonio Cartelle, músico, compositor e director de rondallas que, xunto seu pai, Jesús Cartelle, foron os artífices de relanzar a festa das Pepitas en Mugardos. “Ambos representan unha das parellas compositoras de cancións de Pepitas máis prolíficas na historia da nosa festa, e hoxe congratulámonos de ofrecerlle a título póstumo o mesmo recoñecemento que lle demos a seu pai hai 16 anos”, manifestou.
Do mesmo xeito, gabou as traxectorias musicais dos Rondallistas de Honra e desexoulles moitos máis anos de rondas e música.
MADRIÑAS E PADRIÑOS
Así mesmo, felicitou ás madriñas polo cargo que lles foi outorgado e que “de seguro, ostentaredes con orgullo”. Este 2024 as madriñas das rondallas son: María José Pazo Goti (Añoranzas), Josefina García Muro (Club de Campo), Blanca García Olivares (Bohemios), Marta Rico Cotelo (Sonidos del Alba), Emilio Romero Fabal (Só Elas), Antonio Ruibal Gómez, Caruso (O Son do Mar), Lucía Ríos Curbeira (Lucero del Alba), María Cristina Marcos Romeu (Rondalla Mugardesa), Zeltia López Grandal (Trovadores de Ares), Lucía Fraguela Mariña (Rondalla de Cariño) e Josefa López Rey (Rondalla de Cedeira).
IRMANAMENTO MONDOÑEDO
Como é tradición, este acto institucional enxalza o irmanamento de Ferrol con Mondoñedo, establecido desde hai máis de 20 anos, e contribúe a reforzar e estreitar os lazos que unen ambas poboacións.
O rexedor ferrolán amosou a súa ledicia por recibir a diferentes membros da corporación mindoniense con motivo desta singular e ferrolá festividade. “Hoxe recibímosvos nós, cos brazos abertos, do mesmo xeito que vós o fixéchedes hai cinco meses, cando acudiamos á vosa casa, á feira das San Lucas”, expresou Rey Varela, que lembrou que “compartimos lazos de amizade, históricos, culturais e mesmo espirituais e relixiosos”.
O alcalde expresou o seu agradecemento á comitiva mindoniense “por acompañarnos nunha data tan especial para nós” e fíxolle entrega dun agasallo institucional “co que queremos expresar a nosa vontade de que este irmanamento perdure no tempo e se manteña vivo nos corazóns de ferroláns e mindonienses”.