Recupérase a oferta de itinerarios guiados para descubrir as singularidades xeolóxicas do Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal durante os festivos de Semana Santa.
A oferta inclúe unha XeoRuta en cada un dos concellos que integran o Xeoparque, establecéndose así 7 itinerarios ó longo de 4 días en quenda de mañá e tarde: a XeoRuta do Cobre (Cerdido e Moeche) o domingo 24, a XeoRuta do Arsénico (Valdoviño) e XeoRuta das Pías (San Sadurniño) o martes 26, a XeoRuta dos Aguillóns (Cariño) e XeoRuta dos Cantís (Cedeira) o venres 29 e a XeoRuta dos Penidos (Ortigueira) o domingo 31.
As prazas son limitadas, sendo preciso a compra anticipada de entradas a través da páxina web www.xeoparquecaboortegal.gal, a un prezo único de 10€ por persoa.
O programa de XeoRutas está dirixido polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, que será o encargado de explicar as formacións rochosas e materiais xeolóxicos que se atopan en este territorio e de importancia internacional, con presenza en superficie de rochas do Manto da Terra, máis de 100 Lugares de Interése Xeolóxico e 6 Geosites.
En este sentido, no listado de LIGS españois de relevancia Internacional publicado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME) en marzo de 2021, o Complexo de Cabo Ortegal concentra o 75% dos LIG identificados no ámbito nacional como representantivos do contexto xeolóxico no21 (Complejos ofiolíticos de la Península Ibérica).
Lémbrase sempre que para estes itinerarios é preciso ter en conta as condicións meteorolóxicas, levar roupa e calzado cómodo,que suxeite ben os nocellos, e algo para beber e comer.
Domingo 24 de marzo
XeoRuta do Cobre (Cerdido e Moeche) (20 prazas)
10:30 – 11:30
Nesta ruta visitánse as principais instalacións das antigas minas de cobre do Xeoparque Cabo Ortegal. Unha intensa actividade mineira que rematou arredor do ano 1969. Unha antiga cheminea de calcinación, unha pranta de tratamento químico, as balsas de estériles ou as entulleiras serán os principais puntos de visita polos que discorrerá esta ruta, que ten por objectivo coñecer de primeira man como se traballou nestas minas, qué minerais se obtiveron delas, así coma a xeoloxía dos materiais presentes nesta zona.
O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares.
Martes 26 de marzo
XeoRuta do Arsénico (Valdoviño) (20 prazas)
10:30 – 13:30
Esta ruta xeolóxica de dificultade baixa e 4 km de percorrido, permite coñecer os tesouros xeolóxicos da costa de Meirás, no concello de Valdoviño, como o sistema dunar entre Meirás e Valdoviño ou o afloramento de rocas subvolcánicas na zona do Porto. É precisamente nesta zona onde se atopan as antigas minas de comezos do século XX, nas que levaba a cabo a extracción de arsenopirita, un mineral moi rico en arsénico.
XeoRuta das Pías (San Sadurniño) (20 prazas)
16:30 – 20:00
Este percorrido xeolóxico discorre por dúas zonas, na contorna do Castelo de Naraío e na parte alta da Serra do Forgoselo. Na primeira visitarase o val estrutural do Río Castro onde se pode ollar o contacto de rochas graníticas con antigos sedimentos, agora transformados en lousas, pero tamén a formación das pías orixinadas pola erosión fluvial.
Pola súa banda dende a Serra do Forgoselo terase unha excepcional vista panorámica dende as Illas Sisargas ata a Serra do Xistral, pero sen dúbida, as formas graníticas (bolos, pías, acanaladuras ou tafonis) son as verdadeiras protagonistas, polo que aquí poderase descubrir cal é a súa orixe e evolución xeolóxica.
O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares.
Venres 29 de marzo
XeoRuta dos Aguillóns (Cariño) (20 prazas)
10:00 – 14:00
Nesta XeoRuta coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. Unhas rochas moi singulares, formadas a moitos quilómetros de profundidade. Pero tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión de outras rochas.
O percorrido consta de 3 paradas, o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. O percorrido ten unha dificultade media, debido a presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos.
XeoRuta dos Cantís (Cedeira) (20 prazas)
16:30 – 19:30
Con esta xeorruta de dificultade baixa poderán desfrutarse, nun percorrido de 5 km, dunhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, destacando así a súa sobresaínte estrutura xeolóxica de máis de 400m de altitude. Unha oportunidade única para tocar rochas que fai millóns de anos atopábanse a 70 km de profundidade ou no fondo dun antigo océano.
Tamén cabe destacar a presenza, no alto de Tarroiba, de materiais intensamente deformados pola colisión de dúas supercontinentes fai 350 millóns de anos durante a Oroxenia Varisca ou Hercínica. O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo.
Domingo 31 de marzo
XeoRuta dos Penidos (Ortigueira) (20 prazas)
16:30 – 19:30
Nesta ruta na Serra da Capelada atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo o planeta, unhas rochas de récord que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade, onde a presión é moi alta e iso permite que se formen os diamantes.
Pero tamén visitarase o espectacular Pozo do Inferno e o macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira. O percorrido ten unha dificultade media, aínda que é preciso levar un calzado cómodo.
Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal
A peculiariedade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se atopan no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.
Agora, co Xeoparque Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que todo isto sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.000 habitantes dos sete concellos, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas ou non.
O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial, construcións, tradicións, gastronomía, etc, están intimamente ligados dentro do Xeoparque, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de partida, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas desta figura da UNESCO
O proxecto comezou oficialmente a súa andaina para converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO EN 2020, cando foi formalmente constituída a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, dotándose así da personalidade xurídica propia esixida pola UNESCO para a presentación do proxecto de candidatura. Preséntase en primeira instancia este ano con resultado desfavorable.
Xa en 2021 e cos deberes aprendidos, presentase de novo e en este caso, con resultado positivo. Foi a finais de verán cando recibimos a visita da comitiva de avaliación de dous auditores da UNESCO: Chris Woodley-Stewart – Geoparque North Pennines (Reino Unido), e César Goso – Geoparque Grutas del Palacio (Uruguay). Despois de moito traballo e un informe positivo de estos avaliadores, o 24 de maio deste ano anunciase oficial e publicamente a que Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no segundo de Galicia e o único territorio da Península Ibérica que obtén o distintivo esta anualidade.