O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle este mércores 20 de marzo, ás 18:00 horas, a conferencia “O poder dos datos. Aplicacións en Terra, Mar, Aire e Espazo” impartida polo catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña, Salvador Naya, no marco da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, xunto co director de proxecto de Navantia Seanergies, Fernando Lago.
Tal e como explica o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador no Grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) vinculado ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) do Campus da Coruña, Salvador Naya, na súa intervención tratará de amosar como, ao longo da historia, o estudo dos datos marcou o inicio da estatística, a ciencia que permite extraer o seu valor real.
Do mesmo xeito, tamén afondará no uso fraudulento deses datos e nos riscos que isto trae consigo facendo referencia, por exemplo, ao uso dos modelos xenerativos de Intelixencia Artificial (IA) ou a todos os problemas derivados do uso destes datos en imaxes ou vídeos manipulados. Para rematar, exporá os principais resultados dalgúns dos proxectos nos que ten colaborado nos últimos anos nos eidos da aeronáutica, a eficiencia enerxética ou a
enxeñaría naval.
A conferencia poderá seguirse, de xeito presencial, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol ata completar aforo, e en liña, a través da páxina web www.catedracosmealvarez.com