No Día da Muller, Valdoviño recoñeceu a unha das veciñas que máis teñen traballado a favor da cultura e do asociacionismo no municipio: Mercedes González Vergara, Merchi, precursora da ACR A Frouxeira, que presidiu durante case que 30 anos, cun paréntese tralas segundas eleccións democráticas que a convertirían, xunto a Pilar Orjales, na primeira muller concelleira en Valdoviño trala Dictadura.
Segundo explicaba a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Rosana García, repasar a traxectoria de Merchi é releer as páxinas culturais das últimas tres décadas de Valdoviño. Unha muller, apuntou, adiantada ao seu tempo, xenerosa e sempre en constante aprendizaxe. O seu activismo cultural remóntase á súa época moza cando, en 1967, e xunto a un grupo de veciños e veciñas, comeza a promover representacións de teatro no mítico cine da Porta do Sol.
Xa en 1982, parte daquel equipo, convertidos en pais e nais, impulsan a creación da ACR A Frouxeira cun obxectivo inequívoco: ofrecerlles aos seus fillos actividades culturais nun tempo no que escaseaban, cubrindo así un oco profundo.
Anos de intenso traballo nos que se converterían en precursores de practicamente toda a actividade cultural local, e esforzo, empeño e sacrificio que fructificaría na creación do grupo de baile e de música tradicional, na posta en marcha das clases de teatro, na creación de escolas como a de música, a formación da coral, a activación de eventos como a cabalgata, a recuperación de tradicións e festas como o entroido.
Merchi estivo tamén detrás da posta en marcha da Mostra das Asociacións de Valdoviño, hoxe camiño da súa XXII edición, e dun sinfín de iniciativas para dinamizar e reforzar o movemento asociativo como impulsar un «carnet» de asociación común para todas as entidades da localidade de modo que os beneficios de pertencer a unha entidade se estendesen ao resto.
O dinamismo de Merchi contribuíu sin igual a facer da ACR A Frouxeira unha asociación dos veciños. No papel e na práctica, e chegar a superar os máis de 400 socios, converténdose, xunto con outras asociacións, no motor cultural de Valdoviño nunha época na que a cultura non era precisamente unha prioridade na xestión municipal do día a día..
«Unha muller que contribuíu a escribir algunhas das páxinas máis destacadas da historia cultural recente de Valdoviño», resumía esta tarde o alcalde, Alberto González, para agradecerlle en nome dos veciños que abrise camiños e ampliase horizontes. Leccións que continúan hoxe marcando a axenda cultural de Valdoviño.
Pola súa banda, Merchi agradeceu o cariño da veciñanza, especialmente neste acto, que o propio movemento asociativo poñía en marcha décadas atrás e cuxa organización, co paso do tempo, recaeu no Concello. Pero sobre todo, e fiel a esa personalidade que só sabe sumar, quixo compartir o recoñecemento coas mulleres e homes deses anos de activismo, e parroquia por parroquia, foi lembrando ós compañeiros que, xunto a ela, botaron a andar tantas iniciativas hoxe vivas polo seu empeño e traballo.