Cedeira entrega ó CEIP Nicolás do Río 25 acevos o Día do Naturalismo Galego

O Concello de Cedeira fixo entrega esta semana de 25 acevos ao CEIP Nicolás do Río, con motivo do Día do Naturalismo Galego que se celebra este 9 de marzo.

A iniciativa, que se realiza grazas á colaboración do profesor Rafael López “Calel”, vai dirixida a implicar a todo o alumnado do centro no cuidado destas árbores ata o vindeiro 5 de xuño, o Día do Medio Ambiente, cando se programará unha saída con eles para facer a súa plantación.

Ata o colexio achegáronse, para facer entrega de todos os testos coas árbores, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez Arribe, xunto cos concelleiros de Educación, Noel López, e Medio Ambiente, Ismael Durán. Tal e como destacaron, o acevo, tamén chamado acivro, é unha árbore moi coñecida en Galicia e que ata o ano 2018 estivo protexida.

A través dela, esta iniciativa pretende “reivindicar o noso ecosistema e o coñecemento deste, así como sensibilizar ás crianzas sobre o coidado do medio ambiente”.

Os representantes do goberno local recordaron que o Día do Naturalismo Galego é unha data instaurada recentemente a proposta da Real Academia Galega de Ciencias e o Consello da Cultura Galega e que está moi vencellada a Cedeira polo traballo do profesor Rafael López Loureiro, “Calel”, que traballou moi activamente para o recoñecemento desta data en homenaxe ao Pai Martín Sarmiento, un frade bieito do século XVIII.

O Concello de Cedeira agradeceu a colaboración da dirección do colexio e moi expresamente a de Rafael López Loureiro, tamén presente na entrega dos testos e que foi quen doou os acevos.

Lea también

Arrancan en As Pontes las segundas Jornadas en Gestión Forestal Sostenible

La parte teórica se impartirá en el local de la asociación de empresarios SEARA, en …