Moeche se convirtirá na capital do queixo artesanal, tanto de Galicia como do resto do Estado

O sábado 16 e o domingo 17 de marzo o recinto feiral acolle a sexta edición da Feira do Queixo de Moeche, que este ano se amplía a dous días para darlle cabida á primeira Feira de Queixarías Artesás QueRed, a rede española que agrupa a máis de 300 obradoiros de campo e artesanais. 

Un total de 39 queixarías, 22 delas integradas en QueRed, xa confirmaron a súa participación nunha cita á que tamén asistirán outros 17 expositores, facendo de Moeche o principal referente da pequena produción agroalimentaria, os sabores diferenciados e a máxima calidade.

O Concello desvelou hai escasos días a programación completa da feira, que se distribuirá en tres grandes espazos: a nave do Mercado, reservada ao completo para queixarías, unha grande carpa situada ao seu carón para acoller os postos agroalimentarios e unha terceira superficie cuberta fronte aos locais das asociacións onde se desenvolverán todas as actividades paralelas.

A xornada do sábado 16 terá unha marcada orientación profesional e, de feito, non haberá venda de queixo. Ás 12:30h presentarase a rede de ámbito estatal QueRed, creada co obxectivo de defender os intereses das queixarías de campo e artesanais, ademais de servir como foro formativo e de impulso de iniciativas conxuntas, como é o caso da Ruta QueRed que tamén se dará a coñecer no encontro de Moeche.

Trala presentación do proxecto ofrecerase unha degustación gratuíta e actuará a agrupación de música e baile tradicional Alxibeira. Pola tarde, das 16:00h en diante, está prevista a sesión técnica «Queixos artesáns e requisitos normativos», na que se abordará o escenario legal e as perspectivas de futuro da produción artesanal de queixo.

domingo 17 de marzo, a VI Feira do Queixo e a I Feira de Queixarías Artesás QueRed abrirá ás 10:00h cun total de 56 postos agroalimentarios, 39 deles queixarías de Moeche, da comarca, de Galicia e doutras zonas de España que porán á venda queixos con distintos procesos de elaboración, tipos de leite e graos de maduración. O produto estrela acompañarase de catas comentadas, showcookings, obradoiros para a rapazada, música -actuarán Uxía Lambona e a Banda molona e o grupo Lenda Ártabra-, sorteos e outras propostas, como son as visitas guiadas ao castelo de Moeche con saída desde a propia feira.

Cómpre lembrar que o Concello de Moeche e Renfe volverán poñer en marcha o Tren do Queixo para facilitar a asistencia á feira. O convoi sairá ás 10:45h da estación de Ferrol e ofrecerá tres opcións de volta desde Moeche: ás 14:04, ás 17:29 e ás 19:19h. Porase un autobús para os traslados desde a estación á feira e desde a feira á estación.

A Feira do Queixo de Moeche, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, clausurarase ás 20:00h.

Presentación o mércores 13
Como veu ocorrendo nas anteriores edicións da feira, o Concello programou unha presentación oficial que terá lugar na sede da Fundación Abanca, en Ferrol, o mércores 13 a partir das 11:00h.

Nela participarán a alcaldesa, Beatriz Bascoy; a concelleira de Desenvolvemento local, Cristina García, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira. Por parte do sector asistirá un dos responsables de Lácteos Moeche e tamén Xesús Mazaira, da queixaría ourensá Airas Moniz, en representación da Rede Española de Queixarías de Campo e Artesás.

Lea también

La alerta roja por temporal costero obliga al cierre del acceso al Faro de Punta Frouxeira en Valdoviño

  El Ayuntamiento de Valdoviño ha cortado en el mediodía de este miércoles 11 la …