Os escolares do CPR Santiago Apóstol participaron na plantación.
A zona da senda peonil e ciclista entre Freixeiro e Xuvia, foi novamente o lugar elixido para retomar a plantación promovida na cidade pola Corporación Masaveu, á que pertence Cementos Tudela Veguín, no marco das xornadas de concienciación medioambiental que realizan cada ano, dende 2010, en espazos cedidos polo Concello de Narón.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos e Medio Ambiente, Manuel Ramos, participaron na convocatoria xunto con José Luis Sáenz de Santamaría, director de relacións institucionais do Grupo Massaveu; o responsable de Medio Ambiente e Enerxía do grupo Masaveu Industria, Fernando Fernández-Tresguerres; a directora da planta Cementos Tudela Veguín, do Grupo Masaveu en Castro, Marta Ferro, outros representantes da citada empresa e medio cento de alumnas e alumnos de sexto curso de Primaria do colexio Santiago Apóstol de Narón xunto con dúas docentes.
Os escolares, unha vez na zona, atenderon as explicacións facilitadas por persoal da empresa adxudicataria do servizo de parques e xardíns da cidade, para a continuación colocar as árbores nos espazos previamente habilitados e iniciar a plantación.
En total, dende este xoves 7 medran na zona da senda corenta robles de diferentes variedades, especie elixida dende a empresa impulsora da iniciativa por ser das que máis dióxido de carbono absorben, expulsando osíxeno, o que representa un gran beneficio medioambiental. Os menores deixaron a súa pegada cunhas tarxetas identificativas nas árbores nas que puxeron os seus nomes.
A alcaldesa Marián Ferreiro agradeceu “a implicación un ano máis da Corporación Masaveu, coa que colaboramos dende o ano 2010 para levar a cabo esta actividade que nos permite implicar a moitas rapazas e rapaces e, ao mesmo tempo, conciencialos sobre a importancia de coidar e respectar o medio ambiente”.
Nos últimos anos, a través desta iniciativa conxunta realizáronse plantacións en diferentes ubicacións da cidade, como son os casos das parroquias de Sedes, Castro e da zona dos paseos de Xuvia e A Gándara, ademais de Piñeiros. Unha vez rematada a plantación, e antes de regresar os escolares ás aulas, os participantes degustaron un aperitivo nas instalacións do Centro Cívico Social de Piñeiros.