465 participantes en Narón na “III Carreira e andaina pola Igualdade”

Preto de medio milleiro de persoas, en total 465, a práctica totalidade das prazas dispoñibles, que eran 500, participan este domingo 3 na terceira edición da “Carreira e andaina pola Igualdade” organizada polo Concello de Narón no marco do programa de actos do 8M, Día Internacional da Muller.

Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, que destacou o éxito desta nova edición dun evento “no que todos queremos dar visibilidade á necesidade de continuar loitando pola igualdade real entre os homes e as mulleres”.

Das 465 persoas inscritas, un total de 207 participarán nas carreiras de adultos e 114 nas de menores, se ben na andaina están anotadas outras 144 persoas. A saída e a meta da carreira, tal e como se recordou, será dasinmediacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara. A partir das 10:00 horas sairán os primeiros corredores, os nenos. Con categorías entre os 100 metros dos benxamíns e os 5.000 metros da categoría absoluta disputaranse as diferentes probas.

A andaina terá un percorrido de 4.500 metros e os participantes comezarán a camiñar ás 11:15 horas, quince minutos despois de saír os corredores da absoluta.

O evento contempla premios para as tres primeiras mulleres e homes da categoría absoluta e tamén para as tres primeiras e primeiros das categorías non oficiais. A participante de maior idade feminina que remate a proba terá un premio e os nenos levarán unha medalla pola súa asistencia.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …