Lolita Flores inaugura en Narón os espectáculos do «IX Festival internacional do monólogo teatral Singular»

A actriz Lolita Flores abrirá este venres 1 as 20:30 horas, no Pazo da Cultura a novena edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular, con propostas para público adulto e tamén infantil durante todo o mes de marzo.

O Padroado da Cultura conta coa colaboración da Red Eurolatinoamericana de Artes Escénicas (Redelae), a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña na organización deste festival, con entradas á venda para os diferentes espectáculos no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado: www.padroadodecultura.es.

A peza de teatro clásico contemporáneo “Poncia”, de Teatro Español abre a programación do festival. Esta obra, autoría de Federico García Lorca, ten unha duración de algo máis dunha hora, un tempo no que a criada de Bernarda Alba, Poncia (interpretada por Lolita Flores), será a protagonista.

A programación de Singular continuará mañá, ás 20:00 horas, coa comedia Deadpan Karaoke, da compañía Ibuprofeno Teatro e protagonizada por Marián Bañobre. Neste caso trátase dun espectáculo unipersoal de carácter participativo co absurdo, a estupidez, a sorpresa, a comedia, a música e o cine como ingredientes principais durante algo máis dunha hora.

O primeiro dos espectáculos do Singular infantil terá lugar este domingo, ás 18:00 horas, no Café Teatro do Pazo. A peza Frida, da compañía “A cova das letras”, abrirá este programa cunha proposta para público familiar e infantil a partir de 4 anos.

A peza preséntase como unha festa de cores dos traxes mexicanos, evocando a paleta dos cadros de Frida Kalho e recreando algúns deles a través do corpo, o movemento e os obxectos. Cris Collazo e Martiño Mato protagonizan este espectáculo. A programación do festival continuará a vindeira fin de semana, con tres novas propostas.

O día 8 poderase ver ás 20:30 horas a obra Marcho que teño que marchar, dirixida e protagonizada pola actriz Bea Campos; o 9 será o turno de Lunátika, de LaMedinaEs Company, unha comedia que dará comezo ás 20:00 horas a cargo da actriz Cristina Medina e o espectáculo para público familiar e infantil será o día 10 ás 18:00 horas, O arquivo do chivo, con autoría e dirección de Pablo Sánchez, Pablísimo.

A mediados de mes chegará ao Pazo no marco do festival Singular unha peza de teatro documental, Miss Docet, o día 15 ás 20:30 horas. A obra é o novo proxecto teatral de Iria Pinheiro, a coñecida como Miss España galeguista.

O sábado 16 ás 20:00 horas actriz Noelia Campo interpretará Yo soy Fedra, de Teatro La Morena, unha obra na que vemos as reaccións da protagonista ante un corazón ferido. As citas desa fin de semana completaranse o día 17 coa representación ás 18:00 horas da obra Maruxiña, de Aurora Artes Escénicas. A peza, protagonizada por Laura Sarasola, está inspirada no conto clásico de Polgariña de Andersen para relatar unha nova aventura.

Os últimos espectáculos serán os días 22, 23 e 24 de marzo, comenzando pola representación de O único que verdadeiramente quixen toda a vida, é ser delgada, de Butacazero. A obra, con gran sinceiridade e humor irónico e con texto e interpretación de Esther F. Carrodeguas, poderase ver o día 22 ás 20:30 horas.

Na xornada do 23 será o turno de D. Ramón María del Valle Inclán, ás 20:00 horas. Unha peza de Bravo Teatro interpretada por Pedro Casablanc e con Mario Molina ao piano.

Finalmente, o domingo 24 o público familiar e infantil poderá ver Historia dunha nena namorada do mar, ás 18:00 horas. O sol de Outono é a compañía que trae a Narón esta obra, de María Soraya Lema. A novena edición do Festival Singular inclúe ademáis varias actividades paralelas que se desenvolverán este mes.

Do 11 ao 14 de marzo desenvolverase o Obradoiro de teatro “Desmontando a montaxe”, impartido por Mario Vega no Auditorio municipal e o día 15 no Café Teatro do Pazo -de 18:30 a 20:00 horas- terá lugar a mesa redonda “Circulación internacional de espectáculos teatrais”.

Así mesmo, o 16 de marzo haberá unha rolda de negocios, “Encontro con programadores nacionais e internacionais (membros de Redelae) e compañías de teatro galego”, de 10:00 a 12:30 horas no Pazo. A maiores, o 17 de marzo celebrarase a asamblea de Redelae, de 10:00 a 14:00 no Café Teatro do Pazo.

Lea también

La Xunta cifra en 170 millones de euros al año el impacto de integrar a los asegurados de Muface

Un informe elaborado por la Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria de la Xunta de Galicia …