O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, anunciou a apertura do prazo de inscripción, ata o vindeiro luns 4 de marzo, na clase maxistral de batería que impartirá o docente Cristóbal Castro o vindeiro 8 de marzo.
A convocatoria abordará sistemas de movementos, improvisación e emocións para batería e diríxese a mocidade de Narón de entre 12 e 45 anos, tendo preferencia para asistir o alumnado que acode ás Escolas de Música Moderna (clases ou aulas de ensaio).
O edil naronés indicou que a clase maxistral inclúe a presentación do libro “Sismoción”, na que se abordan temas como explorar a batería dende novos puntos de vista, colocando a expresividade ou o autocoñecemento ou tamén conceptos lúdicos de improvisación como un medio para o desenvolvemento, o crecemento e o divertimento. A clase maxistral e a presentación do libro desenvolveranse de 18:30 a 20:30 horas.
Para poder acudir, as inscricións deben realizarse cubrindo un formulario disponible na Casa da Mocidade, na Gándara, en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. Santalla animou ós veciños coa idade indicada a animarse a participar nesta convocatoria, de balde, e pensada para que poidan incrementar os seus coñecementos da man dun profesional na materia.