O grupo municipal socialista vén de presentar unha moción na que reclama do goberno municipal de Rey Varela que se retome o mercado de arte Regalarte, iniciado durante o mandato socialista e que se desenvolveu nas festas de Nadal dos anos 2021 e 2022, cun notable éxito.
Precisamente a ese “grande éxito” referiuse o concelleiro Germán Costoya, que lembrou que tanto en 2021, o primeiro ano no que o Concello desenvolveu Regalarte, cunhas condicións complicadas dada a pandemia, como no segundo, tanto a resposta por parte dos e das artistas participantes como do público asistente amosaron “o acerto da iniciativa, que non só animou as rúas durante as datas de Nadal, senón que tamén serviu de pulo e apoio a moitos artistas da cidade e a súa contorna”.
De feito, Costoya subliñou que se pasou de, na primeira edición, unhas 14.000 persoas vistantes á carpa instalada na praza da Constitución a máis de 30.000 na segunda, así como no referente a artistas, que en 2022 se multiplicou por dous e por iso se fixeron dúas quendas de 18 artistas en cada un, e xa nun espazo máis amplo como foi a gran carpa instalada na praza de Armas durante todo ese Nadal.
O concepto de Regalarte, no que se podía adquirir unha obra de artistas de referencia e non só iso, senón tamén ver como traballaban, dialogar con eles e elas e mesmo participar en obradoiros -principalmente dirixidos para a infancia, foi, por tanto, un éxito e un acerto, que “o Partido Popular, como está a facer con todo o que se impulsou polo goberno socialista, abandonou en canto chegou á Alcaldía da cidade”, como dixo o edil.
Por esta razón, moitos artistas elaboraron e asinaron un manifesto, cun cento de sinaturas, no que reclaman ao goberno municipal de José Manuel Rey Varela que retome este mercado de arte, que ademais serviu para popularizar e achegar a arte ao conxunto da cidadanía. Como destacou Germán Costoya, con esta moción non só se pide ao PP que contemple na súa programación anual de Nadal o Regalarte, senón que tamén quere ser un apoio claro ao colectivo de artistas e, de forma singular, a este manifesto.