As catro liñas do programa están dotadas cun total de 8,26 millóns de euros para o fomento de novas contratacións, a modernización do tecido empresarial e o apoio ás persoas autónomas.
A Deputación da Coruña pechou xa o prazo de presentación de solicitudes para as axudas PEL 2024 con 3.456 peticións de empresas e persoas autónomas da provincia recibidas. Esta cifra supón un incremento dun 14 % respecto ao pasado ano. O obxectivo do programa, distribuído en catro liñas, é fomentar as novas contratacións, contribuír á modernización do tecido empresarial e prestar apoio ás persoas autónomas.
O aumento máis destacado de peticións rexistrouse na liña de axudas PEL- Emprende Investimento, que pasou das 953 do ano pasado a 1.415 nesta ocasión, o que se traduce nun 48,48 % máis.
Esta liña, que tradicionalmente se dirixía a persoas autónomas e pequenas empresas con menos de cinco anos de antigüidade, modificouse este ano para centrala en empresas de concellos de menos de 10.000 habitantes. Ademais, xa non se terá en conta como criterio para poder optar a ela a data de inicio da súa actividade. O obxectivo destes cambios é facer fronte ao despoboamento do rural. Así, aproximadamente un 6 % de solicitantes desenvolven a súa actividade en municipios de menos de 2.000 habitantes; un 36 %, en concellos de 2.000 a 5.000, e o resto, un 58 %, en concellos de 5.000 a 10.000.
Un 10 % correspóndense con empresas constituídas no último ano, e un 33 % proveñen de empresas lideradas por mulleres. Máis do 50 % son autónomos do sector terciario, principalmente da hostalería e o turismo. Outro dato relevante é que o 90 % nunca foron beneficiarios desta axuda, polo que queda de manifesto que os cambios introducidos favorecen un reparto máis equitativo e que se alcance a novos empresarios.
Pola súa banda, a liña PEL-Autónom@s, destinada a persoas autónomas de concellos de menos de 20.000 habitantes, recibiu 1.251 peticións. En 790 casos son novos solicitantes. Trátase dunha subvención orientada a autónomos con menos de cinco anos de actividade, que optan a ata 2.400 euros para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social.
Finalmente, as axudas á contratación PEL-Pemes concitaron o interese de 790 empresas entre as dúas liñas de subvención que inclúe. A destinada a creación e ampliación do cadro de persoal, coa que se sufragan custos de novas contratacións realizadas ou por realizar na presente anualidade, recibiu 613 peticións. No 90 % dos casos, os solicitantes teñen previsto realizar contratacións indefinidas, o que permitirá reducir a temporalidade e crear postos de traballo estables na provincia.
En canto á liña orientada ao mantemento do cadro de persoal, coa que se financia o segundo ano das contratacións indefinidas realizadas ao abeiro do PEL-Pemes Creación e Ampliación 2023, recibiu 177 solicitudes. Destaca que no 50 % dos casos se pediu a axuda para contratación de colectivos vulnerables, como son persoas inscritas como desempregadas de longa duración, mulleres, menores de 30 anos, maiores de 45 ou persoas con diversidade funcional.
Liña – Importe
PEL-Pemes Creación e Ampliación do Cadro de Persoal-3.500.000 €
PEL-Pemes Mantemento do Cadro de Persoal-1.000.000 €
PEL-Autónom@s -1.000.000 €
PEL-Emprende Investimento – 2.760.000 €
Total – 8.260.000 €
O Plan de Emprego Local converteuse nos últimos anos en eixo das políticas da Deputación. No 2016, o presidente, Valentín González Formoso, e o seu equipo realizaron unha firme aposta polo emprego creando o PEL e dotándoo de importantes recursos económicos e humanos.
Ese impulso traduciuse en que o investimento nas políticas de emprego pasase dun millón de euros anuais a preto de dez. Así, nos últimos oito anos, a Deputación axudou a crear máis de 6.000 empregos na provincia, apoiou economicamente a máis de 2.500 persoas emprendedoras e novas empresas e prestou axuda a máis de 2.000 persoas autónomas para sufragar as cotas da Seguridade Social. Ademais, creou unha rede provincial de espazos de coworking que a día de hoxe conta con 11 centros en funcionamento.
As subvencións do PEL 2024 poden acadar os 45.900 euros para persoas autónomas de concellos de menos de 10.000 habitantes, xa que todas as axudas do programa son compatibles entre si. Toda a información sobre o Plan de Emprego Local está accesible a través da súa páxina web, www.pel.gal.