Modificación en Narón da ordenanza reguladora das terrazas dos locais de hostalería

A concelleira de Participación Cidadá, Olga Ameneiro, informou da apertura do prazo para que a cidadanía presente as súas propostas, de cara á redacción por parte dos técnicos municipais, dun borrador sobre a modificación da ordenanza reguladora de terrazas dos locais de hostalería da cidade de Narón.

A edil naronesa apuntou que ata o vindeiro 29 de febreiro as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas a través da plataforma Narón Participa, podendo consultar o procedemento a seguir no enlace:

https://www.naronparticipa.es/es/naron/proposals/project/1806?tab=stages.

Unha vez recollidas as propostas, os técnicos do Concello estudarán a viabilidade das cuestións plantexadas pola cidadanía; elaborarán un primeiro borrador da ordenanza modificada, e abrirase despois unha nova fase de audiencia na que, novamente, os interesados poderán aportar as consideracións que estimen oportunas.

Examinadas estas, redactarase o texto da ordenanza final sobre as terrazas para, posteriormente, sometelo a aprobación inicial na pertinente sesión plenaria, e a continuación publicarase no Boletín Oficial da Provincia abrindo un novo prazo dun mes para presentar posibles alegacións.

A finalidade desta modificación é “proceder a unha armonización normativa, modificando e actualizando o contido da ordenanza, xa que durante a época da pandemia se aprobaron unha serie de variacións sobre o texto orixinal co fin de minimizar os efectos socioeconómicos da covid-19 no sector”, que nestes intres deben ser valoradas e, no seu caso, revisadas.

Dende o goberno local recordouse que poden participar na elaboración das normas propostas persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón ou organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas polas mesmas.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …